Condenan a exdeputada do PSOE Beatriz Sestayo por inxurias a un xuíz ao que tachou de machista en Facebook

A tamén secretaria xeral do PSOE de Ferrol recorrerá o fallo e reafírmase en que "cre" na "liberdade de expresión". Deberá pagar unha multa de 2.100 euros e indemnización ao afectado de 500.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/11/2020 | Actualizada ás 17:47

Comparte esta noticia

O Xulgado do Penal Número 2 de Ferrol condenou a exdeputada e secretaria xeral do PSOE en Ferrol, Beatriz Sestayo, ao pago dunha multa de 2.100 euros por cometer un delito de inxurias con publicidade contra un maxistrado ao que tachou de machista no seu perfil de Facebook.

A socialista Beatriz Sestayo
A socialista Beatriz Sestayo | Fonte: Europa Press

Segundo o fallo difundido polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que non é firme, os feitos remítense ao paso dado por Sestayo de publicar nas súas redes sociais comentarios sobre o que nese momento, maio de 2017, era titular do Xulgado de Violencia sobre a Muller en Ferrol.

Ademais da multa de 2.100 euros, impónselle o abono dunha indemnización ao afectado de 500 euros polos danos morais causados. Ademais, tamén deberá publicar a sentenza, unha vez sexa firme, no seu perfil de Facebook.

A xuíza do Penal número 2 de Ferrol indica no fallo que a condenada "emitiu un xuízo de valor sobre o maxistrado, tachándoo de machista, --expresión de evidente carga ofensiva--, sen expor fundamento algún que o avale".

Todo iso, segundo a xuíza, converte esa acusación nun "puro insulto" que non só garda relación co desempeño profesional do xuíz, senón tamén coa súa vida privada ou familiar, pois se supón que o home machista o é tanto no persoal como no profesional".

"Non se xulga aquí un improperio calquera, nin unha crítica ás resolucións do xuíz que puidesen considerarse máis ou menos acertadas, senón que se acusa de machista ao maxistrado que coñecía neste partido xudicial das denuncias por violencia de xénero", advirte a xuíza, quen sinala que, esa acusación carece de "base fáctica nin argumentos que a apoien" e que pon en dúbida a capacidade profesional do denunciante.

Ademais, destaca na resolución que a acusación se realizou "coa publicidade que proporciona unha rede social como Facebook" e que foi formulada "por unha persoa moi coñecida en Ferrol pola súa dedicación á política e con responsabilidades públicas en temas de muller".

RECURSO

Pola súa banda, Beatriz Sestayo lamentou a sentenza e comunicou, precisamente a través de redes sociais, a súa intención de recorrer o fallo que a condena a unha multa e a un maxistrado, subliña, "ofendido" polas súas "opinións sobre o machismo na xustiza".

Sestayo ironiza con que o seu non "arrepentimento" poida "influír" na condena e reafírmase en que "cre" na liberdade de expresión. "Entendo que é un dereito e un deber denunciar aqueles comportamentos que entendemos que son machistas e causan dor para que as nosas fillas e fillos poidan vivir nunha sociedade máis igualitaria sen bágoas por cada vítima con vidas arrebatadas", recalca.

"Dicíame agora unha desas vítimas que non entende nada e que de que lle serve denunciar se a ela só lle causou máis dor ou unha dor diferente . E isto é o máis importante que quero dicirvos, non estades soas, as institucións funcionan na súa maioría así como as persoas que están detrás, sempre volo digo. Ás veces a Xustiza tarda en chegar, nada é perfecto, pero acaba chegando case sempre. Non pasedes medo en casa, que o medo non vos paralice; a loita ás veces é difícil pero todo chega", engade.

"Grazas a todas e a todos, seguimos sen perder un chisco de compromiso e de valor", conclúe a exparlamentaria socialista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Riolo

Desgraciado é o partido onde se refuxia un personaxe como Sestayo.

1 Noelia

Esperpento de persoa, sempre rodeada de polémicas e con abundantes corruptelas recollidas nas hemerotecas. O mellor cargo que puido acadar na súa rastreira carreira política é o de poligonera, perdón quería escribir cultamente: de xerente de Suelo Empresarial del Atlántico.