Pachi Vázquez será xulgado a partir do luns por prevaricación cando era alcalde do Carballiño

A fiscalía pídelle 10 anos de inhabilitación pola contratación "irregular" de 60 persoas nun xuízo con outros catro acusados.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 17/11/2020 | Actualizada ás 16:31

Comparte esta noticia

O que fora secretario xeral do PSdeG Manuel 'Pachi' Vázquez será xulgado a partir do próximo luns, día 23 de novembro, por un presunto delito de prevaricación continuada durante a súa etapa como alcalde do Carballiño, municipio que gobernou entre 1995 e 2005. Segundo confirmaron fontes xudiciais, o xuízo arrincará ás 10,15 horas no Xulgado do penal número dous de Ourense. A Fiscalía pídelle unha pena de 10 anos de inhabilitación por un delito de prevaricación continuada por unha serie de 60 contratos a empregados públicos.

Imaxe de arquivo de Manuel 'Pachi' Vázquez nunha entrevista con Europa Press durante a súa etapa como secretario xeral do PSdeG. EUROPA PRESS - Arquivo
Imaxe de arquivo de Manuel 'Pachi' Vázquez nunha entrevista con Europa Press durante a súa etapa como secretario xeral do PSdeG. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Xunto a Pachi Vázquez sentarán no banco outras catro persoas que tiñan responsabilidades na corporación municipal neste período, entre eles Carlos Alberto Montes, quen sucedeu a Vázquez na alcaldía ata 2011.

No seu escrito con data do 13 de decembro 2019, o ministerio público atribúe ao tamén fundador de Espazo Común e ao resto de acusados un delito continuado de prevaricación por subscribir durante o seu período de mandato "un gran número de contratacións de persoal laboral de duración determinada para o desempeño de labores de competencia municipal, respecto de 60 traballadores".

En concreto, estas eran destinadas á cobertura de postos de peóns e albaneis, conserxes, carpinteiros, electricistas, traballadores do servizo de limpeza, profesional de psicoloxía, monitor da oficina local de turismo, locutor-redactor e encargado de instalacións deportivas, auxiliares de axuda a domicilio e mesmo axentes da policía local, entre outros.

"Os acusados procederon á contratación destas persoas con conciencia de que faltaban os requisitos básicos de toda contratación pública, como é a publicidade, para que calquera persoa puidese acceder á mesma de acordo aos principios de mérito e de capacidade", indica a Fiscalía, que rebaixa lixeiramente a súa petición de penas para dous dos restantes acusados a 9 anos de inhabilitación e 8 anos e 9 meses.

Así mesmo, sinala que todos os contratos foron celebrados a pesar de que os acusados "foron informados" por escrito e de forma verbal "do incumprimento" dos trámites "necesarios" para constatar o "cumprimento dos principios constitucionais que deben rexer os mesmos".

Na actualidade Pachi Vázquez continúa na política activa e é concelleiro no Carballiño por Espazo Común, formación que fundou tras a súa saída do Partido Socialista de Galicia e coa que obtivo tres edís nas eleccións municipais celebradas en maio de 2019.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta