Por Alberto Quian | Madrid | 19/11/2020 | Actualizada ás 12:04
A loita contra a contaminación por plásticos e microplásticos nos ecosistemas mariños converteuse nunha prioridade para a comunidade científica en todo o mundo. As estimacións son que, de seguir ao ritmo actual, no ano 2050 haberá máis plástico que peixes nos océanos. Un escenario apocalíptico que se vén xestando silenciosamente desde hai décadas. En concreto, un informe da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) sitúa xa desde a década de 1960 a existencia de plásticos e microplásticos nos océanos, debido ao incremento de produción a grande escala deste material na década dos anos cincuenta do século XX. Agora, por primeira vez, un estudo constata a presenza de microplásticos en sedimentos das Rías Baixas e da desembocadura do río Miño.
Científicos do Centro Oceanográfico de Vigo (Instituto Español de Oceanografía - IEO) e do Campus do Mar asinan os resultados do que, din, é o primeiro estudo que avaliou a presenza de microplásticos nos sedimentos das Rías Baixas e na plataforma continental fronte á desembocadura do Miño. Os datos son preocupantes, xa que atoparon restos de plásticos en todas as zonas de estudo, principalmente fibras.
Para o estudo recolléronse en 22 estacións mostras de sedimentos superficiais, os cales son os últimos destinatarios da maioría de contaminantes no mar, polo que son un importante indicador para os estudos de contaminación mariña.
Os investigadores atoparon microplásticos en todas as estacións das que se recolleron mostras, 22, agás nunha; a media foi de 70,2 microplásticos por quilo de sedimento seco
Os microplásticos estaban presentes en todas as mostras de sedimentos recollidas nas 22 estacións ao longo das Rías Baixas, agás na estación 5, na boca da ría de Vigo. En todas as mostras positivas a abundancia oscilou entre 10,6 e 271 microplásticos por quilo de sedimento seco. A concentración media de microplásticos para o conxunto de estacións foi de 70,2 por quilo.
Esa cantidade foi comparada coas atopadas noutros estudos. Así, por exemplo, os científicos salientan que os valores deste estudo son similares aos atopados no Golfo de Biscaia, con 67 microplásticos por quilo, ou mesmo un chisco inferiores aos valores reportados na costa belga, cunha media de 97,2. Pero tamén apuntan a outras investigacións nas que se acharon cantidades máis baixas, de 36,5 micropásticos por quilo na costa de Singapur e de 34 no Mar Báltico.
Os microplásticos atopados nas Rías Baixas e na desembocadura do Miño clasificáronse en seis categorías segundo a súa morfoloxía: fibras, filamentos, fragmentos, gránulos (pellets), microperlas, filmes e restos de pintura.
A forma principal dos plásticos atopados foi a fibra, nun 88,8 % das mostras, seguida por fragmentos (5,80 %), filmes (1,79 %) e filamentos (1,34 %).
O 34,7 % das fibras identificadas pertencían a mostras da ría de Muros, seguida da ría de Pontevedra (29,1 %) e a de Vigo (22,1 %). A orixe das microfribras estar relacionada coa industria téxtil e, máis concretamente, cos desaugadoiros das lavadoras.
En canto ao tipo, o 58 % das micropartículas analizadas corresponden a polímeros comerciais. Os principais atopados nas mostras deste estudo foron polipropileno (43 %), polietileno de alta densidade (29 %), polietileno de baixa densidade e poliamida (14 % para cada un).
O tamaño medio dos microplásticos atopados foi de 1,43 milímetros. De todas as partículas identificadas, o 96,2 % tiñan menos de 5 mm de lonxitude e a máis abundante estaba entre 0,5 e 1 mm (35 %), seguida de 1 a 2 mm (28 %) e logo de 2 a 5 mm (18 %). Só o 4 % (10 plásticos) tiña máis de 5 mm (5-18,2 mm), pero estas mostras non se tiveron en conta para a análise, xa que só se consideran microplásticos as partículas de menos de 5 mm.
Estacións de sedimentos dos que se tomaron mostras (triángulos azuis) e abundancia de microplásticos por quilo de sedimento seco en cada estación (círculos vermellos) / Olga Carretero, Jesús Gago, Lucía Viñas, 'From the coast to the shelf: Microplastics in Rías Baixas and Miño River shelf sediments (NW Spain)', Marine Pollution Bulletin, 2020, 111814, ISSN 0025-326X, https://doi.org/10.1016/j.marpolbul.2020.111814.
POR RÍAS
Os resultados apuntan diferenzas na abundancia de microplásticos por áreas, coa maior presenza destas partículas en zonas intermedias das rías de Vigo, Pontevedra e Muros e Noia. Isto, din, “podería deberse á localización das estacións, preto dos centros de poboación, industrias e plantas de tratamento de augas residuais”.
A estación cos niveis máis altos de microplásticos é a sinalada no mapa co número 18, na zona intermedia da ría de Muros e Noia, cun valor medio de 271 microplásticos por quilo de sedimento seco. Precisamente, nesta ría tamén se atopa a terceira estación con máis micropartículas de polímeros, a número 16, situada na parte máis interior, con 207 microplásticos de media por quilo.
Entre estas dúas, sitúase en segundo lugar a estación 1, na ría de Vigo, con 264,4 microplásticos por quilo, dato que contrasta coa estación 5, situada na boca desta ría, onde o valor foi cero (a única libre). Esta diferenza tan notable podería deberse á “localización xeográfica e as condicións oceanográficas”, que “poden facer que esta estación reciba menos influencia antropoxénica [humana]”. De feito, observaron que “este comportamento é similar no resto de estacións que se atopan nas bocas das rías, que presentan valores baixos de microplásticos”, explican.
A ría máis afectada é a de Muros e Noia, con 130 microplásticos por quilo, seguida pola de Pontevedra, con 86,9, e a de Vigo, con 80,3
O nivel máis baixo entre as estacións das que se recolleron mostras positivas en micropartículas rexistrouse na número 22, no transecto do Miño, con 10,6 microplásticos por quilo de sedimento seco. “Probablemente, isto débese ao feito de que a estación 22 está na plataforma continental e, por tanto, non está tan exposta ás actividades costeiras antropoxénicas”, comentan os autores do estudo.
Ao facer a media da concentración total dos polímeros nos sedimentos de cada ría, a máis afectada é a de Muros e Noia, con 130 microplásticos por quilo, seguida pola de Pontevedra, con 86,9, e a de Vigo, con 80,3. A de Arousa presenta valores medios menores, de 36,1 microplásticos por quilo de sedimento. Pero é fronte á desembocadura do Miño onde os niveis medios son máis baixos, con 26,4, “probablemente debido á distancia ás principais actividades antropoxénicas”, esclarecen os científicos.
Malia que a de Vigo é a ría con maior poboación e actividade, non ten os valores de contaminación por microplásticos máis altos, pero si unha maior variedade de formas destes. Isto, explican os investigadores, “podería explicarse polo feito de que esta ría presenta a maior influencia antropoxénica e industrial”.
Estación |
Localización |
Microplásticos/kg sedimento seco |
Media de microplásticos/kg sedimento seco por rías |
---|---|---|---|
1 |
Ría de Vigo |
264.4 |
80.3 |
2 |
Ría de Vigo |
50.6 8 |
|
3 |
Ría de Vigo |
89.7 |
|
4 |
Ría de Vigo |
197 |
|
5 |
Ría de Vigo |
0 |
|
8 |
Ría de Pontevedra |
44.0 |
86.9 |
9 |
Ría de Pontevedra |
89.6 |
|
10 |
Ría de Pontevedra |
201 |
|
11 |
Ría de Pontevedra |
13.1 |
|
12 |
Ría de Arousa |
43.3 |
36.1 |
13 |
Ría de Arousa |
69.1 |
|
14 |
Ría de Arousa |
18.9 |
|
15 |
Ría de Arousa |
12.9 |
|
16 |
Ría de Muros |
207 |
130 |
17 |
Ría de Muros |
24.6 |
|
18 |
Ría de Muros |
271 |
|
19 |
Ría de Muros |
16.4 |
|
20 |
Miño - Plataforma Continental |
42.2 |
26.4 |
21 |
Miño - Plataforma Continental |
21.2 |
|
22 |
Miño - Plataforma Continental |
10.6 |
|
6 |
Plataforma Continental |
38.8 |
|
7 |
Plataforma Continental |
19.4 |
Os resultados do estudo veñen de publicarse na revista científica Marine Pollution Bulletin, nun traballo titulado ‘From the coast to the shelf: Microplastics in Rías Baixas and Miño River shelf sediments (NW Spain)’, asinado polos investigadores Olga Carretero, Jesús Gago e Lucía Viñas.
MÁIS EVIDENCIAS
A contaminación por microplásticos en augas de Galicia comprobouse xa en varios estudios científicos, se ben este é o primeiro traballo que establece un punto de partida sobre a súa presenza nos sedimentos das rías.
Recentemente, publicouse outro estudo, tamén en Marine Pollution Bulletin, no que se alerta de que bocareus, sardiñas, escarpóns e salmonetes das augas galegas e de todo o Cantábrico levan consigo microplásticos, no seu tracto dixestivo.
Neste traballo, asinado por investigadores do Centro Oceanográfico de Vigo e o de Santander –do Instituto Español de Oceanografía–, atopáronse 100 mostras de microplásticos en 50 de 64 exemplares analizados (78 %).
O 87 % de bocareus e sardiñas, o 79 % de escarpóns e o 60 % de salmonetes analizados das augas de Galicia e de todo o Cantábrico tiñan microplásticos no tracto gastrointestinal
Os científicos observaron a presenza de microplásticos no tracto gastrointestinal das catro especies de peixes e a frecuencia de aparición foi superior ao 60 % en todas, coa porcentaxe máis elevada nos casos do bocareu e a sardiña (87 %), seguidos polo escarpón (79 %) e o salmonete (60 %).
Rexistráronse, ademais, dúas formas de microplásticos: fibras (88 % do total) e fragmentos (12 %). Mentres que os principais tipos de polímeros identificados foron o polietileno e o polipropileno.
Nas análises comprobouse, ademais, un aumento significativo no número de microplásticos a medida que aumentaba o tamaño dos exemplares.
Os autores deste estudo subliñan que é “de suma importancia” investigar a inxestión de microplásticos por estas especies, xa que “son presa clave para os principais depredadores e a transferencia de contaminantes a través da rede alimentaria remata no consumo humano”.
Outro estudo asinado por investigadores do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo analizou a presenza de microplásticos na colonia de cría de corvos mariños cristados na illa de Ons, que forma parte do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia.
Neste caso foron analizadas as bólas formadas por restos de alimentos non dixeridos e regurxitados polas aves, coñecidas como egagrópilas. Nunha mostra de 41 bólas inxeridas e devoltas polos corvos mariños cristados, os científicos atoparon fibras microplásticas no 63% dos gránulos vomitados por estas aves, “o que suxire que este tipo de contaminación plástica prevalece na área de estudo”.
Científicos cren que parte dos microplásticos atopados en corvos mariños cistados da colonia de Ons proceden dos aparellos da industria bateeira
As fibras de nailon foron as partículas plásticas máis abundantes atopadas, representando o 63% do total identificado, seguidas do poliéster. Porén, as partículas máis grandes corresponderon ao etilvinilacetato.
Xa que estas aves mergulladoras capturan especies bentónicas nos fondos mariños onde se atopan as bateas, a hipótese que manexan estes científicos é que parte deses microplásticos proceden dos aparellos que utiliza a industria bateeira para o cultivo do mexillón.
Outra investigación do Centro Oceanográfico de Vigo e da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) mostrou que o 100 % dos golfiños varados na costa galega presentan microplásticos nos seus estómagos.
Neste caso, os científicos analizaron e cuantificaron a presenza de microplásticos en 35 mostras de estómagos de golfiños comúns varados en Galicia entre os anos 2005 e 2010. Os investigadores chegaron a extraer un total de 411pezas plásticas a todos os exemplares.
Agora, coa nova achega de Olga Carretero, Jesús Gago e Lucía Viñas ábrese unha nova liña de investigación que pode arroxar máis luz sobre a presenza, orixe e impacto dos microplásticos nas augas de Galicia e nas especies que as habitan.
FUTURO: MÁIS PLÁSTICO QUE PEIXES NOS OCÉANOS
A contaminación por plásticos e microplásticos é un problema global. Oito millóns de toneladas de plástico son vertidas cada ano nos océanos e mares de todo o mundo, segundo un estudo publicado na revista Science feito por investigadores de universidades norteamericanas.
Para facernos unha idea da súa dimensión, sería o mesmo que colocar cinco bolsas da compra cheas de plásticos cada 30 centímetros de costa no mundo. Para 2025 o panorama é aínda máis desolador se non se aplican medidas correctoras urxentes: esas cinco bolsas cheas de plástico converteranse en dez cada 30 centímetros de costa, dobrando a cantidade de lixo nos mares na mesma extensión. Deses oito millóns de toneladas de plástico que caen ao mar cada ano, só 245 mil están flotando na superficie, o resto atópanse nas profundidades, invisibles para nós, mais non para os científicos.
O futuro preséntase desolador. De proseguir así, a comunidade científica xa avanzou que en 2050 haberá máis plástico que peixes nos océanos.
A alerta é mundial ante a ameaza dun mar de plásticos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.