Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2020 | Actualizada ás 11:48
Un total de 11.000 familias galegas recorreron desde xullo á Tarxeta Básica que achega entre 450 e 900 euros trimestrais, en función do número de persoas que conforman a unidade familiar, para dar cobertura a necesidades "de forma normalizada".
O dato deuno o director xeral de Inclusión da Xunta, Arturo Parrado, na comisión de política social do Parlamento, a preguntas da deputada do PSOE Marina Otero. Ante a crise derivada da pandemia do coronavirus, a Xunta asinou a finais de xuño o convenio de colaboración con Cruz Vermella para a posta en marcha deste cartón.
A mediados de outubro, cando ían uns 7.000 beneficiarios, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a súa ampliación por tres meses máis, para axudar á adquisición de produtos básicos ás familias vulnerables que o precisen.
O PSOE PIDE UN PLAN "POTENTE" FRONTE Á POBREZA
Pola súa banda, a socialista subliñou que nestes momentos "excepcionais" fai falta un plan e medidas "potentes e excepcionais" fronte á pobreza. "Hai que pór todos os recursos sobre a mesa. Sobre todo, nos fogares en que haxa un neno", advertiu.
Na resposta, Parrado fixo referencia a unha serie de medidas impulsadas pola Xunta, como a Tarxeta Básica, "flexibilización e axilización" da Risga e o "reforzo" doutras prestacións económicas xa existentes. Ademais, como "non se sabe o que vai durar" esta crise, o director xeral apostou por "planificar o futuro" e neste marco circunscribiu a renovación "da axenda social única de Galicia", en colaboración coa Fegamp e as entidades sociais.
INGRESO MÍNIMO VITAL
Por último, sobre o ingreso mínimo vital aprobado polo Goberno central, o responsable autonómico lembrou que "Galicia quere as competencias", pois "sería moito máis fácil" xestionar esta medida en Galicia. "Esa medida que está estancada e non se está levando a cabo espero que se poida pór en marcha e non pase como coa lei de dependencia", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.