Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 24/11/2020 | Actualizada ás 17:16
O Teatro Principal de Pontevedra acollerá o vindeiro venres, 4 de decembro, ás 20,00 horas, a estrea pública do documental 'Tras o Colón galego, de Pontevedra ao Novo Mundo', dirixido e guionizado polo presidente da Asociación Cristóbal Colón Galego, Celso García de la Riega, e Eduardo Esteban, e realizado e editado por Ángel Peláez e Fernando Portela.
A peza audiovisual conta cos apoios do Concello de Pontevedra, o Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra e a Xunta de Galicia.
Ao longo dos 30 minutos que dura o filme, recóllense numerosos argumentos e indicios, algúns deles novos, defendidos polas múltiples voces que reivindican que o almirante naceu na localidade pontevedresa de San Salvador de Poio e, por tanto, a súa orixe era galega.
Segundo resumiu Eduardo Esteban, "trátase dunha peza audiovisual que ten moito fondo, é moi densa, e o que se di nela require moita atención", aínda que "ten un carácter moi instructivo e divulgativo e está pensada para chegar a colexios e escolares, xente maior e persoas envorcadas na investigación sobre Colón".
Esteban adiantou que o documental "achega cousas novas, unha base toponímica moi curiosa e declaracións de xente moi relevante que nunca antes se pronunciou publicamente".
Esta documental conta cos testemuños de Vicente Cerdeiriña, párroco de San Salvador de Poio; Francisco Rodríguez, director de Hércules Global e do Proxecto Galicia; Aquilino Fariñas, escritor e portavoz da Asociación Colón Galego; Bieito Rubido, xornalista; Carlos de Blas, membro da Enxebre Orde da Vieira, ou Felipe Díaz Acosta, custodio da Catedral da Habana, entre outros.
Segundo destacou o concelleiro, os exhaustivos traballos e estudos de investigadores como Eduardo Esteban supoñen tamén "un recurso didáctico, turístico, cultural e histórico de primeira magnitude para a cidade e para a ría de Pontevedra", abrindo a posibilidade de xerar "itinerarios turísticos, rutas de sendeirismo, rutas mariñas e mapas e material toponímico que teñan á figura de Colón como eixo vehicular".
A estrea do documental será de entrada gratuíta, a capacidade máxima está limitada a 30 persoas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.