Por Galicia Confidencial | Teo | 30/11/2020 | Actualizada ás 12:04
A plataforma veciñal contraria ás obras na antiga canteira de Casalonga (Teo) anuncia que a Xunta inicia o expediente de expropiación dunha pista que, en base ao Rexistro da Propiedade e segundo a concentración parcelaria e castastro “é de titularidade pública e de uso veciñal”. Dita expropiación, engaden desde a plataforma, baséase nun documento privado con datos erróneos.
A apertura do expediente faise, segundo Casalonga Limpa de Residuos, logo de que a empresa recoñecese a titularidade pública da pista “ao solicitar que se expropien” os terreos. Por outra parte, a plataforma veciñal asegura que tanto Toysal como Minas foron avisados da “titularidade pública e de uso veciñal” da pista. O anuncio desta operación fíxose no Boletín Oficial da Provincia da Coruña o pasado 25 de novembro.
Segundo asesores xurídicos da plataforma veciñal, a expropiación non debería ter moito “percorrido por tentar expropiar a quen non é o dono da mesma”. Entre as iniciativas que levarán adiante, está a presentación do que consideren oportuno dentro do prazo temporal correspondente, así como poñelo en coñecemento da Valedora do Pobo.
Casalonga Limpa de Residuos acusa á empresa Toysal de estar creando un ambiente contrario á plataforma mediante comunicados de prensa. En ditos comunicados, segundo a plataforma veciñal, a empresa propietaria da canteira asegura que a veciñanza está mal informada e “politizada”. “A actuación de Toysal sería crible se a explotación da canteira fose un negocio, pero xa non é”.
Para o colectivo veciñal lembran que despois de tentar instalar unha planta de residuos, proxecto que quedou paralizado. Despois diso, “tentou que lle aprobaran un plan de restauración que incluía un vertedoiro”. Ademais, “a veciñanza está perfectamente informada das intencións” de Toysal “polos seus propios actos”. Por exemplo, cando realizaron voaduras que non deron “nada produtivo” á empresa e o día que o avogado da empresa “lle chamou chusma aos veciños”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.