Por Europa Press / Redacción | O Carballiño | 03/12/2020 | Actualizada ás 18:35
A interventora que traballou para o Concello do Carballiño entre o ano 2000 e o 2015 declarou que a tramitación de expedientes nesta administración local era "con frecuencia deficiente", un aspecto no que coincidiu o secretario que prestou servizos no Consistorio entre 1999 e o ano 200.
Na sétima xornada do xuízo no que se acusa ao que fora líder do PSdeG e alcalde deste concello Pachi Vázquez e a outros catro exedía dun delito de prevaricación pola contratación de 60 persoas, a interventora chamada comparecer sinalou que "había bastante deficiencia na tramitación de expedientes, en xeral, non só os de contratación".
Entre esas deficiencias, sinalou que algúns expedientes non estaban numerados e outros estabam "incompletos". Nalgún caso, segundo indicou, chegou a fiscalizar nóminas das que non tivera previamente informe de contratación. "É probable", expuxo a interventora, "que entre o ano 2000 e 2005 non houbese reparos xa que non existía a necesidade dun informe previo e o que se realizaban eran informes a posterior".
Así, declarou que, no suceso dalgunha nómina que "se recibía sen contrato previo", chegados a ese punto, indicou que "xa non se podía realizar un reparo senón que o único que podía realizar eran notas de advertencia por escrito porque aí xa non daría lugar a unha subsanación".
A preguntas da fiscalía sobre se lle pedían informes sobre a existencia de crédito para poder realizar as distintas contratacións respondeu que "algunhas veces e nalgunhas ocasións". Estas expresións repetíronse ao longo da súa declaración, o que motivou que a fiscal lle cuestionase se "o feito de que sexa algunhas veces e nalgunhas ocasións implica que a tónica habitual de contratación non era a correcta".
Ante esta interpelación, a testemuña dixo que "a tramitación administrativa era bastante deficiente".
Como se gardaban estes expedientes foi outra pregunta que xerou a resposta de "algunhas veces cumpríase a normativa e outras non sei".
Ademais, outro dato que a interventora manifestou descoñecer foi se as prórrogas a cada un dos contratos anuais dos distintos traballadores que pasaron pola vista oral se realizaban cun novo expediente de contratación. "Pertence ao Departamento de Persoal e aquilo que non pertence intervención non o podo saber", aseverou.
A iso engadiu que, do que ten consciencia é de que "había procesos de selección todos os anos", pero non lembraba "para que postos" eran. "Lembro os tribunais de selección porque, se había falta de persoal, cheguei a formar parte dalgún", alegou.
Ao longo do seu testemuño, insistiu en que "o Concello sufría todo tipo de casuística en canto á tramitación administrativa" reiterando "a súa deficiencia". "Tentei canalizar a área de intervención que era á que pertencía, noutras áreas non podía facelo aínda que o tentase porque dependía do funcionario que se atopase alí. Había departamentos que tiñan máis afinidade comigo e tenteino noutros se me pechaba a porta", expuxo para, a continuación, matizar "cada funcionario decidía como ordenar as súas áreas, non vou organizar competencias que non son da miña función".
DECRETOS DE CONTRATACIÓN
Pola súa banda, o secretario que traballaba no Concello entre os anos 1999 e 2000 mantivo que "a xestión administrativa tiña carencias" e que tivo que realizar máis dun informe sobre contratacións que non consideraba adecuados. Así, sostivo que, nalgún dos casos, "nin sequera constaban os procedementos de selección".
Con todo, destacou que "en honra á verdade", a situación de contratos temporais que se alongan no tempo e terminan sendo indefinidos "é unha práctica que se realiza frecuentemente e non só no Concello de Carballiño". Aínda que indicou que "varias das advertencias que formulou foron motivadas porque chegaban ás súas mans decretos e mesmo contratos "só buscando subscripción".
En canto á forma de arquivar os expedientes e se era eficiente, manifestou que os procesos de selección "non se gardaban no mesmo cartafol" que o resto do expediente de cada un os traballadores, senón que ían aparte. "Desde que deixei de traballar alí hai 20 anos descoñezo como puido suceder que non aparezan determinados arquivos", apuntou.
A iso, o avogado de Pachi Vázquez replicoulle que "nin sequera" aparece a súa toma de posesión como secretario. "Ven como descoñezo ata tal extremo como está a situación que me acabo de levar unha desagradable sorpresa, coma se non estivese eu alí. Menos mal que está o nomeamento no BOE", afirmou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.