“Galletarras” ou “jarraiciños”... así se creou a imaxe de RG e dos independentistas nalgúns medios galegos

A investigadora e profesora Helena Domínguez acaba de publicar 'A construción mediática do conflito. O caso de Resistencia Galega'. Un libro no que se analiza a imaxe que determinados medios galegos foron creando do independentismo galego. GC fala con ela.

Por Galicia Confidencial | Illa da Arousa | 06/12/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Que é Resistencia Galega?, quen a compón?, que hai detrás deste nome que evoca a revolución e independencia para uns e a terrorismo para outros?. Para coñecer o seu fenómeno hai que remitirse a xullo de 2005 cando aparecera publicado de xeito anónimo na rede Indymedia Brasil o "Manifesto da Resistência Galega". No 2007 aparece publicada unha entrevista a un dos seus supostos integrantes en Galicia Confidencial.

Faixa de Ceivar a prol dos presos independentistas o Primeiro de Maio en Santiago
Faixa de Ceivar a prol dos presos independentistas o Primeiro de Maio en Santiago | Fonte: M.V.

A partir de entón comezou a ser construído un relato, substancialmente a través dos medios de comunicación, que incide na emerxencia do terrorismo en Galicia. Este relato, tecido arredor da suposta existencia dun grupo terrorista organizado baixo ese nome, acaba vinculando tamén aos distintos grupos do independentismo galego.

E sobre este fenómeno indaga a investigadora e profesora Helena Domínguez García, nun novo libro da colección Polimnia de Axóuxere Editora , 'A construción mediática do conflito. O caso de Resistencia Galega'. Nel se aborda o tratamento de Resistencia Galega nos medios de comunicación e o impacto que estes exerceron na conformación dun imaxinario terrorista "que crebaba o clixé de pobo amansado e desmobilizado amplamente recreado histórica e discursivamente".

A CONSTRUCIÓN DUN RELATO MEDIATICO

O libro é o resultado dunha unha investigación académica sobre o tratamento de Resistencia Galega. Con todo, os seus resultados e conclusións "teñen repercusión máis alá deste fenómeno concreto, porque nos permiten tomar conciencia da natureza construída e interesada de calquera relato difundido polos medios de comunicación", tal e como apunta a súa autora en declaracións a Galicia Confidencial.

Helena Domínguez está convencida que boa parte da "mala prensa" que ten o fenómeno de Resistencia Galega, e boa parte dos seus golpes policiais, ven dado pola imaxe que determinados medios, principalmente os máis ligados ao PPdeG, La Voz de Galicia e o ABC, trasladaron á opinión pública. "En Galicia temos unha prensa aliñada co nacionalismo español de signo conservador, así que se produce unha simbiose de intereses entre poder político e medios; neste caso, representados polo Partido Popular na Xunta de Galicia e polos xornais La Voz de Galicia e ABC, como cabeceiras principais", indica.

Ásí, ten claro que este tipo de medios, "desde os seus dominios de poder, non dubidan en afogar calquera disidencia política, especialmente se ten algún vínculo co nacionalismo galego". "Ocultación, manipulación, falta de rigor e desprezo ao código deontolóxico do xornalismo son prácticas máis habituais do que puidera parecer", engade.

O PAPEL DE LA VOZ DE GALICIA

E nesta "estereotipización" de Resistencia Galega e da vinculación de forzas independentistas como Causa Galiza, Ceivar, AMI ou Agora Galiza-Unidade Popular, entre outras ao "terrorismo de baixa intensidade" --do que se exclúe ao BNG--, ten moito que ver La Voz de Galicia. Precisamente, esa imaxe é a mesma que agora se traslada do independentismo catalán ou vasco con forzas que, como ERC ou Bildu, están representadas no Congreso español. Forzas que son utilizadas por estes e outros medios para atacar ao Goberno de PSOE e Unidas Podemos por pactar con "independentistas, terroristas e separatistas".

Ao longo da súa traxectoria, La Voz de Galicia, lembra Helena Domínguez, non dubidou en contribuír á invención de grupos terroristas galegos, que como a Fronte Armada Irmandiña (FAI) ou o Novo Exército Galego, do que se dicía mesmo que tiña un grupúsculo denominado Comando Cospeito. "Parece de risa, pero ás persoas acusadas de pertencer a estes supostos grupos causoulles perxuízos de diverso tipo, sen que mediase ningún tipo de rectificación cando as trolas se desincharon", indica.

"JARRAICIÑOS"

E, xunto con La Voz, tamén o ABC, contribuíron, segundo a xornalista, "a esaxerar e amplificar" a perigosidade de Resistencia Galega, de maneira que se utilizou o imaxinario do terrorismo para desacreditar o movemento independentista galego e caricaturizalo, por exemplo, con expresións como “galletarras”, “jarraiciños”, “niñatos” ou “terroristas bueniños”. 

O discurso de oposición a Resistencia Galega tamén lles permitiu aos columnistas dos xornais ofrecer unha determinada imaxe de Galicia, a que consideran lexítima e que debía proxectarse, “a das praias, a do marisco, a da concordia e da tolerancia”.

Esta obra combina a escritura académica coa crónica xornalística, polo que admite lecturas con diferentes propósitos e públicos.  Contén un amplo compendio de literatura científica en torno a temas como o nacionalismo, a identidade, o terrorismo, a construción do discurso e a mediatización dos conflitos. "Resultará de interese para os investigadores; ao mesmo tempo, convida ao lector de calquera condición a unha interesante reflexión sobre aspectos socio-políticos candentes no mundo contemporáneo", coclúe a autora.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Félix Soria

No 2005 mantive contactos estables con dous dirixentes de Nós-UP, cun dirixente da FPG e con varios do BNG; ao mesmo tempo, mantive encontros "persoais" (ao marxe das relacións coas institucións) con gardas civís e policías... conclusión, avalada por gardas civís e policías: os medios que relacionaron e/ou aínda hoxe relacionan accións violentas organizadas con Nós-UP, FPG, UPG e o Bloque MINTEN ou ben beben en fontes mintireiras. Das acccíóns imputadas a RG xa relatei o que entón sabía no meu blogue.

1 Gamela

Cada día que pasa é máis necesaria unha prensa libre (a liberdade de información é de expresión é un ben escaso na actualidade!) pero a tese é un chisco rebuscada, non é só a prensa quen constrúe relatos arredor de "Resistencia Galega"; os aparellos políticos dos partidos tamén constrúen mártires para sobrevivir e manter o seu discurso independentista sen mollarse un pelo (?) Dende a época de Manuel Ameijeiras e Pepiño Blanco e Rubalcaba pasaron anos e chegou o Goberno de Sánchez- Iglesias e na Audiencia Nacional séguense a construir os mesmos RELATOS (Fiscalía mediante) aquí temos aos novos mártires da Galiza (Paco Rodríguez traballando coma sempre no Despacho da Historia) http://www.galiciaconfidencial.com/... Agardamos Sentenza

1 Gamela

Pero estaría ben, especialmente para a xente nova que non viviu a transición (senon que lla contaron na Universidade onde remataron os que sí a viviron e pasaron a ser funcionarios do Estado) que recordáramos algúns DATOS e cada quen saque as súas conclusións ! Obrigado. https://theconversation.com/una-tra...