Galicia recibe para sempre un mural de Luís Seoane trasladado desde Buenos Aires

A peza foi encargada por Isaac Díaz Pardo para separar as dependencias de Porcelanas de Magdalena.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/12/2020 | Actualizada ás 19:10

Comparte esta noticia

A Cidade da Cultura exhibe desde este domingo un mural de Luís Seoane que foi trasladado desde a capital arxentina, Buenos Aires, onde o creador galego realizou esta obra a encargo de Isaac Díaz Pardo, que quería unha peza para separar o taller das dependencias administrativas na fábrica de Porcelanas de Magdalena.

Inauguración na Cidade da Cultura dun mural de Luís Seoane traído desde Arxentina. XOÁN CRESPO / XUNTA - Arquivo / Europa Press
Inauguración na Cidade da Cultura dun mural de Luís Seoane traído desde Arxentina. XOÁN CRESPO / XUNTA - Arquivo / Europa Press

A planta baixa do Museo Centro Gaiás do complexo compostelán acolle desde este domingo a peza de Seoane, que mide máis de 2 metros de alto por case 4 de longo e pesa 200 quilos.

A obra, que se exhibirá de forma permanente no Gaiás, está formada por catro paneis de idéntico tamaña que forman un conxunto no que Seoane uniu madeira e cartón para pintalos cun pigmento amarelo mesturado con area do río da Prata.

O mural representa figuras en relevo nas que o creador plasmou formas influenciadas por elementos da cultura popular galega. Así, na parte superior poden verse unhas rodas que lembran ás dos carros tradicionais, mentres que na metade inferior están representadas as ondas do mar.

A peza atopábase na entrada principal da fábrica de Porcelanas de Magdalena, fundada en Arxentina por Isaac Díaz Pardo. O mural daba a benvida á galería comercial de venda ao público e servía de separador co módulo de administración.

No acto de inauguración da exhibición da peza, o fillo do polifacético Díaz Pardo, Camilo Díaz, lembrou os seus días en Buenos Aires, nos que pasaba diariamente polo mural de Seone para ir á Universidad de la Plata.

A peza foi encargada para separar as dependencias da factoría con motivo da visita do gobernador de Buenos Aires, Óscar Alende, para a inauguración do laboratorio da fábrica da Magdelana.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destacou que se trata "dunha das poucas mostras" que hai en Galicia da arte de Seoane no formato de mural, que está concentrado en Arxentina.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta