Por Xosé Glez. | Vigo | 11/12/2020
Lembro como no Concello de Redondela os funcionarios accedían ao fallado da Casa do Concello e desde alí guindaban os expedientes a través dun ventanuxo que daba á torre anana almeada, porque no termpo da súa construción non houbera diñeiro para poñer unha fileira máis de perpiaños segundo me contara o construtor. Nunca vira tal na miña vida. Ali estaban esparexidos polo chan empoeirado centos de expedientes .
Acababa eu de ingresar na función pública e a primeira vez que mirei aquilo fíxome pensar que todos os concellos de Galicia, agás os das grandes cidades, deberían estar nas mesmas condicións. Aínda así, para cerciorarme púxenme en contacto cunha ducia significativa deles. En todos, o arquivo era unha dependencia na que se amoreaban centos de expedientes en completo desorde.
Levado polo meu entusiasmo púxenme en contacto co director do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, Pedro Gómez López. Leveino ao faiado e mirou abraiado o descrito anteriormente. Comentoume que a mala situación dos arquivos municipais debíase a unha falta de organización dos documentos e un servizo non idóneo; documentos atacados pola humidade e organismos xilófagos.
Amañamos a maneira de atopar unha solución. A comezos de 1981 organizamos un curso para capacitar a funcionarios municipais na organización dos arquivos. Olga Gallego, facultativa do Arquivo Provincial de Ourense e Antonio Gil Merino, director do Arquivo Histórico do Reino de Galicia, amais do mencionado Pedro López foron algúns dos profesores do curso. Finalizado, os alcaldes non habilitaron a ningún dos funcionarios suspostamente capacitados para desempeñar tal función.
A culpa daquel desbaraxuste era dos secretarios dos concellos, responsables da documentación municipal, que seguían desentendéndose da súa competencia e das obrigas legais. Fixeron caso omiso da Constitución de 1978 onde as leis de transparencia e bo goberno poñen en primeira liña da xestión poública o papel que deben desempeñar os arquivos das institucións.
Nun réxime dictatorial os arquivos non existen, porque os cidadáns apenas tiñan dereitos fronte ás administracións. Lembro ben cando o 23 de decembro de 1981, chovendo a cachón embarcamos nunha chalana remada por Tolín, o gardían da Illa de San Simón, Pedro López, o xornalista Fernando Ramos, os concellos Lino Velo e Xurxo Martin e máis servidor. Despois de superar moitos atrancos burocráticos conseguira eu a autorización para facermos tal visita coa esperanza de atoparmos algunha documentación do penal. Non había nada, fora todo expoliado. Decepcionados, de volta para o peirao lembrei o que me contara un amigo que estivera preso ali. Dei volta. collín un pau e remexín a terra onde el me dixera que durmían. Ali estaban centos de pregos grandes de papel que os presos utilizaban como illante para evitar a humidade da terra. Era un ha documentación que daba conta das biografías dos que permanecían en corentena cando a illa funcionaba como Lazareto.
Pero volvendo aos arquivos municipais de hoxe. A Deputación de Pontevedra, a proposta do entón director do Arquivo, Miguel Pereira, aprobou a fins de 1981 un plan para organizar os arquivos muncipais. Labor que se levou coa colaboración de bolseiros capacitados para ordenar e clasificar os almacéns nos que se amoreaban os expedientes.
Hai catro anos a Fundación Olga Gallego publicou as actas das “II Xornadas Olga Gallego de Arquivos”. Nas conclusións díse que a situación dos arquivos municipais dista moito de ser boa. Agás unha nómina de arquivos ben atendidos e organizados, a gran maioría deles non está en boas condicións.Quedaron curtos no diagnóstico. Como o arquivo do Carballiño hai moitos máis. Diso dou fe.
Que diferenza co celo que poñen os rexedores das autarquías locais portuguesas. Os que se acheguen á vila raiana de Monçao, pódeno comprobar; non deixen de visitar o Arquivo da Cámara situado nun histórico edificio pacego recentemente rehabilitado para tal finalidade. Nin Vigo, a primeira cidade galega, ten senmellantes instalacións.