Enmendas do PSdeG aos orzamentos da Xunta para recadar 200 millóns máis e destinar 390 a políticas sociais

O PSOE galego tamén propón subir os fondos dirixidos a comercio, hostalaría e turismo un "mínimo" de 60 millóns, e aumentar noutros 100 o que se achegue ás administracións locais.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/12/2020 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

O PSdeG emendará os orzamentos da Xunta para 2021 co obxectivo de que a comunidade autónoma incremente a súa recadación nuns 200 millóns de euros e poder destinar, en total, uns 390 millóns de euros máis para políticas sociais.

En concreto, segundo explicou en rolda de prensa o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, o seu grupo expón incrementar en 100 millóns o que reciba a sanidade pública galega o ano que vén, en 80 o destinado á educación e en 50 a partida para políticas sociais.

Xunto a isto, o PSOE galego tamén propón subir os fondos dirixidos a comercio, hostalaría e turismo un "mínimo" de 60 millóns, e aumentar noutros 100 o que se achegue ás administracións locais.

Son "números posibles", segundo destacou Gonzalo Caballero, acompañado pola deputada Begoña Rodríguez Rumbo, se se acepta o cambio na política fiscal que incorporará o seu grupo a través das emendas ao proxecto de contas galegas para o próximo exercicio.

"Poderiamos recadar en torno de 200 millóns de euros máis a partir de aí hai unha mobilización de partidas, reducindo gastos improductivos como gastos en eventuais e de propaganda", expuxo.

"FORTALECENDO O ESTADO DE BENESTAR"

Caballero fixo fincapé na súa comparecencia en que o PSdeG "tende a man ao Goberno para que rectifique o seu proxecto e constrúa unha folla de ruta que defenda ás persoas, fortalecendo o estado de benestar e os servizos públicos" e de modo que "aposte por unha liña de reactivación na que ninguén quede atrás".

Ao seu xuízo, o orzamento elaborado pola Xunta "carece de enfoque, de estratexia e de ambición para atender as prioridades da cidadanía galega" no actual contexto de crise provocado pola pandemia de coronavirus.

Nun escenario no que a comunidade poderá dispor de máis de 1.100 millóns extraordinarios procedentes do estado e de fondos europeos, o proxecto do Goberno galego, segundo Caballero, "carece de contidos, de prioridades e de compromiso para sacar a Galicia dunha situación tan complexa".

Por iso o PSOE busca que a Xunta "reconduza a súa elaboración orzamentaria", nun contexto no que reprocha ao PP que "non dialogou con ninguén, non estableceu ningún gran acordo e tenta utilizar o rodete da maioría parlamentaria con políticas continuistas que veñen de períodos anteriores, sen asumir nin entender a dificultade" dos tempos actuais.

PGE "EXPANSIVOS"

Fronte a isto reivindicou a actuación do Executivo central e, en concreto, do presidente Pedro Sánchez, que "traballou na Unión Europea" para lograr novos fondos para combater a covid "que acaban de desatascarse a nivel europeo e van permitir a chegada dunha importante cantidade de fondos".

Neste sentido, valorou os orzamentos xerais do estado, "expansivos, con políticas keynesianas e anticíclicas para impulsar a demanda, o consumo e o investimento". "A Xunta desaproveita esta oportunidade", contrapuxo.

O líder do PSdeG cualificou a emenda á totalidade do seu grupo como unha "chamada de atención" á Xunta, á que ofrece unha "formulación alternativa" con "algunhas prioridades claras", ao observar que "falta o compromiso cos servizos públicos, coa industria, co medio rural e existen desfeitas en partidas como mocidade, igualdade ou a atención ás administracións locais".

QUE OS MILLONARIOS ACHEGUEN MÁIS

En materia fiscal, os socialistas entenden que "se poden adoptar medidas fiscais progresivas que fan que os millonarios en Galicia poidan contribuír un pouco máis á saída da crise cos seus fondos e impostos".

Desta forma, pide "reverter" a última reforma do imposto de patrimonio, que contou coa oposición do PSOE e "só favoreceu aos millonarios". "Para cidadáns que teñen patrimonios millonarios ou rendas moi adiñeiradas pódese aplicar un sistema impositivo con maior progresividade", subliñou.

Tamén avogou Caballero por "simplificar e eliminar certas bonificacións, por exemplo as extraordinarias para temas referentes a xogo", que a Xunta incorpora a través da lei de acompañamento aos orzamentos.

Así mesmo, aposta por figuras tributarias relativas á imposición verde xa que cre que "teñen que empezar a ser aplicadas", pois Galicia está por "detrás" fronte a outras comunidades.

ATENCIÓN PRIMARIA, PERSOAL, SAF

Ao lado do gasto, a "reordenación" que pretende o PSdeG ten como "clave" fortalecer "a aposta" en materia de sanidade, cun reforzo da atención primaria; e tamén sinala como "prioridades" a educación, para mellorar a situación en materia de persoal e centros, e as políticas sociais, a través do servizo de axuda a domicilio e subsanación de "problemas" que presentan as residencias.

"En paralelo, de forma neta, é posible incrementar as axudas a comercio, hostalaría e turismo nun mínimo de 60 millóns de euros a maiores", indicou Gonzalo Caballero.

Por último, criticou a "deslealdade histórica de recortar os fondos para as administracións locais, que son as que están a atender en primeira instancia as necesidades da xente", polo que urxe "corrixilo" e non ser "cómplices". Á marxe disto, o secretario xeral do PSdeG lamentou o "compromiso escaso" da Xunta en igualdade "e nulo en memoria democrática".

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e a deputada Begoña Rodríguez Rumbo
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e a deputada Begoña Rodríguez Rumbo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta