Facenda corrixe erros na partida do fondo de cooperación e convenios locais da lei de orzamentos

Xa antes deste trámite, a Consellería fixo un cambio técnico que vén aclarar a contía de senllos fondos destinados ás entidades locais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2020 | Actualizada ás 12:53

Comparte esta noticia

Á espera de que as emendas parciais que presenten os grupos parlamentarios á futura lei de orzamentos da Xunta para 2021 --o PSOE vén de anuncialas-- e a lei de medidas fiscais e administrativas, coñecida como lei de acompañamento, a Consellería de Facenda autocorrixiu o texto que será sometido a debate nuns dez días e para o que xa están presentadas senllas emendas á totalidade por parte de BNG e PSdeG.

Pero xa antes deste trámite, a Consellería de Facenda fixo, pola súa banda, un cambio técnico que vén aclarar a contía de senllos fondos destinados ás entidades locais.

Deste xeito, o montante total dos créditos que se asignan ás corporacións locais, derivados da participación do Fondo de Cooperación Local e da subscrición de convenios e da concesión de subvencións ascende a 407.681.096 euros, como se aclara na corrección, a pesar de que no articulado (56) había unha diferenza de seis millóns de euros con respecto ao anexo.

O mesmo ocorreu no caso de, artigo 58 do texto. Así, as transferencias ás entidades locais de Galicia derivadas da subscrición de convenios ou da concesión de subvencións suman 280.623.186 euros e non uns 14 millóns menos, como aparecía inicialmente.

Pola súa banda, as transferencias directas ás corporacións locais descenden un 6,4%, ata os 127,1 millóns de euros, nos orzamentos da Xunta para 2021.

EMENDAS

O prazo para presentar emendas á totalidade concluíu o pasado venres. Tanto BNG como PSdeG piden a devolución do proxecto lexislativo á Xunta.

"O proxecto de orzamentos para o ano 2021 non está á altura do reto político, social e económico que representa a covid-19", sinala o BNG na súa exposición de motivos da emenda de totalidade, na que apunta a necesidade de "máis autogoberno": "mostra as consecuencias da falta de soberanía da relación económica co Estado".

Pola súa banda, os socialistas, que tamén presentaron emenda á totalidade, xa avanzaron que nas parciais (tendo en conta que o proxecto lexislativo pasará o primeiro paso coa maioría absoluta do PPdeG), pretenden recadar 200 millóns de euros máis e destinar 390 millóns de euros máis a políticas sociais.

A presentación de emendas parciais conclúe o 21 de decembro e o debate de totalidade e de emendas de devolución terá lugar ese mesmo día, na semana de Nadal, na que tamén haberá pleno ordinario. Os orzamentos está previsto que estean aprobados de forma definitiva para entrar en vigor en febreiro.

Fotos Xunta / Facenda / Comisión 3. Xunta de Galicia / Europa Press
Fotos Xunta / Facenda / Comisión 3. Xunta de Galicia / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta