O fútbol sala rebélase contra a decisión da Xunta de abrir as competicións: "estamos igual que en marzo"

"Non entendemos que nos deixen xogar con non conviventes cando nos están restrinxindo o número de comensais nas ceas", explican dende o sector.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2020 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

Rebelión nas categorías interiores do fútbol galego. Os equipos de fútbol sala da liga preferente veñen de mobilizarse contra a posibilidade de ter que retomar as competicións en plena pandemia. Segundo puido coñecer GC, a apertura do rexistro de inscrición para volver aos campos de xogo a finais do vindeiro mes de xaneiro vén de espertar un rexeitamento ao que xa se sumaron unha maioría dos equipos clasificados para a Liga preferente.

Partido de fútbol sala
Partido de fútbol sala | Fonte: futbolsala.com

Polo momento, a cifra de clubs insubmisos chega xa a 16 dun total de 29 sociedades deportivas que compiten nesta liga a cabalo entre a profesionalidade e o pasatempo. O anuncio da reactivación foi mal recibido porque, segundo explica Pepe Martín, presidente dun dos equipos en rebelión, a liga leva paralizada dende o mes de marzo. “As condicións da pandemia, polo que publica a prensa, son cando menos similares ás que levaron a parar”, subliña.

Ante estas circunstancias, os equipos que rexeitan retomar o xogo veñen de cargar contra a Federación Galega de Fútbol, á que acusan de “ameazar” co descenso aos clubs reticentes. “Nós defendemos que poida xogar o que queira, pero que non se nos castigue aos que preferimos non correr o risco”, resume Martín. Por parte da Federación, o responsable de fútbol sala Pablo Prieto recoñece que as normas si contemplan a baixada de categoría para os equipos que non se presenten á competición.

UNHA DECISIÓN DA XUNTA

O que está por ver, porén, é se a liga se celebra finalmente; xa que, no caso de que non fora así, a pantasma do descenso desaparecería. A decisión final corresponde á Federación, que indica que lanzou o rexistro de inscrición para ter “un mapa” dos equipos con vontade de xogar. “A Federación non tratou de convencer ou presionar a ninguén”, defende Prieto. “Simplemente, ao ter o novo protocolo da Secretaría Xeral do Deporte e a Consellería de Sanidade ábrense as competicións”, resume.

A responsabilidade, pois, non recaería tanto na Federación senón nas institucións dependentes da Xunta. Segundo subliña Prieto, á Federación tan só lle corresponde organizar os certames, non decidir se celebralos. De acordo co responsable de fútbol sala, o protocolo aprobado por Sanidade –que dataría do 14 de decembro—permitiría o regreso dos clubes aos campos de xogo; unha posibilidade que non acaba de convencer aos equipos reticentes.

NON CONVIVENTES

“Non entendemos que nos estean confinando e restrinxido e decidan reiniciar as competicións”, sostén Pepe Martín. Segundo explica o presidente do Abetos S.D., afincado en Gondomar, a práctica deportiva implicaría desenvolver moitos dos comportamentos que a día de hoxe están restrinxidos polas mesmas autoridades sanitarias. “Os desprazamentos de equipos amateurs fanse en coches particulares, e nós non somos conviventes”, sostén.

Martín apunta, neste aspecto, que o ámbito da liga preferente obrigaríaos a se desprazar por todo o sur de Galicia, chegando a traxectos de 300 kilómetros nun só día; que se realizarían con persoas non conviventes. Por riba, nas ligas humildes como a preferente, as PCR non son unha opción, circunstancia que abre a porta ao un risco demasiados alto para algúns. “Non acabo de entender que nos deixen volver xogar cando nos restrinxen o número de comensais nas cenas, por exemplo”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta