Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/01/2021 | Actualizada ás 13:17
Unha ferramenta tecnolóxica "pioneira", desenvolvida pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración con Meteogalicia, permitirá aos centros educativos galegos adecuar os tempos de ventilación das aulas aos prognósticos de vento nas diferentes zonas da comunidade.
Na súa presentación este luns na Cidade da Cultura, o conselleiro do ramo, Román Rodríguez, destacou que o obxectivo desta aplicación que se pon a disposición dos centros "de forma inmediata" para a súa utilización "de forma voluntaria" é mellorar o confort térmico nas aulas e reducir "efectos colaterais" da ventilación sen perder a seguridade sanitaria fronte á pandemia da covid-19.
Neste sentido, subliñou que as instrucións do protocolo aprobado en outubro "mantéñense en vigor", unha vez "confirmada" a súa eficacia polos datos empíricos de transmisión do coronavirus. Por parte de Meteogalicia, a súa directora, María Luz Macho Eiras, destacou a participación deste organismo no proxecto "desde o inicio", posto que utiliza datos de prognóstico de vento, dirección e velocidade, para cada unha das zonas, para "optimizar os tempos de ventilación das aulas".
FUNCIONAMENTO
O catedrático de Física da USC Jorge Mira destacou que hai regras xerais como que é "mellor abrir moito anaco pouco tempo que pouco anaco moito tempo". En calquera caso, exemplificou as diferenzas territoriais ao resaltar que a ventilación non é igual para un colexio situado en Ourense que para outro situado na Coruña, nin tampouco é o mesmo nas distintas franxas do día.
Segundo a súa explicación de funcionamento da ferramenta, a idea é coordinar distintas variables para indicar aos centros unhas pautas ou "estratexia" de ventilación, cálculos que se ofrecerán para a mañá e para a tarde e en función de se son clases de primaria ou de secundaria, debido a que as saídas dos alumnos varían.
Para iso, os centros que queiran facer uso desta ferramenta terán que "introducir os datos das aulas e iso queda metido na aplicación", accesible a través dunha páxina web. "A partir dese momento van ter individualizadas as aulas", sinalou. Dependendo das previsións de vento, a ferramenta recomendará, por exemplo, "unha apertura --das xanelas-- ou dúas aperturas intercaladas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.