Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2021 | Actualizada ás 10:32
O Xulgado de Instrución número 2 de Santiago de Compostela obrigou a vacinar a unha anciá dunha residencia da capital galega ante a negativa da filla a que fose vacinada e dado o grao de deterioración cognitiva da muller para tomar unha decisión, segundo recolle un auto ao que tivo acceso Europa Press.
As actuacións incoáronse o sábado, día 9, cando este xulgado estaba de garda e por mor da solicitude remitida polo centro residencial para maiores Domus V San Lázaro ante a campaña de vacinación dos seus residentes, prevista para o día seguinte, e a negativa da filla da muller a que recibise a vacina.
No seu escrito, o centro apuntaba que a anciá presentaba unha capacidade "moi limitada" desde o punto de vista cognitivo, algo que o auto ratifica tras solicitar o informe forense. Este afirma que a muller "non se acha, polo grao de deterioración cognitiva padecido, en condicións de participar, sequera minimamente, na decisión que se adopte acerca da conveniencia da súa vacinación".
Por iso, e tras escoitar os argumentos da filla, entre eles os posibles efectos secundarios, o xuíz incide no "risco menor" de administrar a vacina á anciá, á vez que se remite ao informe forense sobre a seguridade das vacinas defendida pola Organización Mundial da Saúde (OMS).
ARGUMENTOS
No auto, o xuíz rexeita as razóns aducidas pola filla, sexan "compartidas", indica sobre "a dificultade e a carga de responsabilidade que leva a obrigación de ter que decidir por outra persoa" ou non o sexan. "A presión á que lle somete a posición adoptada polos seus irmáns e o temor que lle infunde a reacción destes ante potenciais efectos indesexados da vacina", engade sobre outro dos argumentos expostos pola filla da anciá.
Pola contra, insiste en que tanto da comunicación efectuada pola residencia, sobre que a muller "carece das facultades precisas para adoptar unha decisión consecuente" e que, engade, "confirmou a filla", como do informe forense, evidénciase que a anciá non ten "capacidade" para decidir ela mesma.
Neste contexto, e ante o feito de que a vacina se fose a fornecer ao día seguinte, remítese ao "beneficio" de pór a vacina fronte ao "risco maior" de non facelo. "Sendo certo que o propio feito da vacinación supón un risco", incide en que o omitila "tamén o leva".
Así mesmo, alude ao propio informe forense e ao establecido pola OMS, ao número de vítimas mortais pola pandemia e ao feito de que o "risco se incrementa a medida que a administración da vacina se demora e o número de contaxios aumenta".
Este caso é é o primeiro que o grupo DomusVI rexistra a nivel estatal. Así o confirmaron a Europa Press fontes deste grupo, que sinalaron que é "a primeira vez que se dá esta situación". Sobre a decisión de acudir aos tribunais, precisaron que se fixo debido á incapacidade que presenta a muller.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.