Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 15/01/2021 | Actualizada ás 15:00
O que fose secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, celebrou que a xustiza lle da razón "categoricamente" despois de "sete anos de viacrucis" coa súa absolución dun delito de prevaricación pola contratación de 60 persoas durante a súa etapa como alcalde do Carballiño entre 1995 e 2005.
E é que, tal e como lembrou Pachi Vázquez, a decisión chega despois dun tempo no que tivo que renunciar á súa acta no Parlamento galego cando contaba co apoio de máis de 300.000 persoas polo que "non substitúe o tempo pasado".
"Despois do que considerei unha gran inxustiza chegou a xustiza. Alégrome por min, por 60 traballadores aos que se cuestionou a súa integridade non só laboral senón tamén persoal, polos meus compañeiros e concelleiros que tamén se viron afectados e, sen dúbida, polo Concello do Carballiño, que é o que máis quero e onde se puxo en dúbida o seu modelo de traballo", manifestou.
Deste xeito, cualificou a resolución como "doce e agre" ao lembrar que, a pesar de que agora a xustiza deulle a razón, estivo a esperar o resultado sete anos e se vió obrigado adimitir como parlamentario galego, "despois de obter un resultado electoral que co tempo vimos que era moi importante". "Tiven que dimitir pola acusación e virme para casa", lamentou.
Con todo, subliñou que a sentenza xudicial é "categórica e nada dubidosa" polo que asegurou que se trata dun día de "alegría e moitos sentimentos positivos" e no que pediu que "nada disto" lle volva a suceder a alguén que "teña aspiracións políticas lexítimas".
E é que Pachi Vázquez lamenta que tivese que ver a súa "vida truncada" por unha acusación "inxusta e difícil" que non lla desexa a ninguén. "Sete anos dinse axiña pero foron moi duros para abandonar todo no que traballara por unha acusación que agora se demostra como falsa", incidiu.
"SATISFACCIÓN" DE GONZALO CABALLERO
Por outra banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, con quen Pachi Vázquez estivo duramente enfrentado hai uns meses amosou a súa "satisfacción" de que a xustiza "funcione con normalidade", "garanta o cumprimento das leis" e declare a "inocencia" de quen non tivese un "comportamento irregular".
"A miña satisfacción polo feito de que a xustiza funcione adecuadamente e que se estableza que nestes casos que se xulgaron non houbo ningunha irregularidade durante os gobernos socialistas no Carballiño, que estaban nese momento liderados por quen era alcalde, Pachi Vázquez", indicou.
Por último, o actual secretario xeral do PSdeG lembrou que "por decisión propia" Pachi Vázquez decidiu abandonar o Partido Socialista e "fundou outra organización para presentarse ás eleccións no Carballiño e outros concellos". "No Carballiño temos unha maioría absoluta encabezada polo alcalde Francisco Fumega que funciona moi ben, o que non quita que Pachi Vázquez, que encabeza un grupo minoritario no Carballiño desde a oposición, teña todo o dereito de que se aclaren eses feitos", apuntou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.