Por Galicia Confidencial | Ferrol | 18/01/2021 | Actualizada ás 14:47
A Xunta decidiu, finalmente, abrir a UCI do Hospital naval de Ferrol para aliviar a presión hospitalaria que sofre o Arquitecto Marcide polo gran aumento de pacientes covid que está rexistrando a área sanitaria. De feito, nos últimos días houbo tres traslados desde esta cidade ao hospital Lucus Augusti de Lugo.
Segundo fontes sanitarias consultadas por GC, a UCI abrirá con dez camas e o Sergas destinará dous anestesistas que se incorporarán xa esta mesma tarde. Con todo, critican que esa sala UCI "semella un galpón" e hai "deficiencias de respiradores e persoal". "Ponse a disposición esta tarde cos equipamentos e persoal correspondentes", confirma o Sergas sobre a apertura da UCi neste centro.
O SERGAS DI QUE ISTO XA ESTÁ RECOLLIDO NO PLAN DE CONTINXENCIA
De feito, suliñan que a área sanitaria de Ferrol destaca Área Sanitaria de Ferrol tiña activas xa un total de 107 Camas en Unidades de hospitalización do Hospital Arquitecto Marcide dispoñibles no plan de Continxencia para pacientes Covid. "Se é necesario, habilítanse as Unidades segundo as necesidades asistenciais definan en base á análise diaria e a necesidade e as características dos pacientes", indica. Por iso, o seguinte paso era habilitar o terceiro andar do Hospital Naval, que xa estaba preparado, e "ponse a disposición esta tarde -do luns 18 de xaneiro-- cos recursos axeitados ás necesidades asistenciais de cada momento".
En canto á Uci, apuntan que hai 10 camas para Covid que se aumentaron con 8 máis no marco do mencionado Plan de Contixencia. "Tamén está todo listo para se é necesario, facer uso das 10 prazas máis no Hospital Naval", aclaran porque esta é unha medida, como a do traslado a outros centros Sergas, que está recollida no plan de continxencia. "Óptase por unha acción ou outra segundo as características e situación dos pacientes, a análise e continua e diaria, e procurando sempre o equilibrio coa asistencia non urxente ou prioritaria, que na primeira onda, non se producía", engaden.
"A situación é complexa pero controlada co esfordo de moitas e moitos profesionais, e estanse a aplicar as distintas medidas previstas e modulando a actividade en base a protocolos e plans previstos", conclúen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.