Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2021 | Actualizada ás 13:22
O centro tecnolóxico Gradiant presentou este martes o seu proxecto de laboratorio-centro empresarial de desenvolvemento de 5G, que se porá en marcha no primeiro semestre deste ano, e que dará servizo ás empresas galegas. O director xeral de Gradiant, Luís Pérez Freire, subliñou que o laboratorio está situado no propio centro tecnolóxico e arrincará cun persoal de entre 15 e 20 empregados.
Esta iniciativa, que comeza a súa andaina cun orzamento dun millón de euros e pretende captar outros 10 millóns nos próximos anos, ten varios obxectivos, entre eles, atraer grandes socios multinacionais ('big players'). De feito, os responsables de Gradiant confirmaron xa contactos con grandes actores do ámbito das tecnoloxías a nivel internacional para lograr a instalación dunha planta en Galicia.
"Queremos que o laboratorio sexa un instrumento útil, sobre todo ás pemes, e que estea aberto ás empresas", sinalou o director de Gradiant, quen engadiu que este centro tecnolóxico está a traballar precisamente nunha "carteira de servizos" para ofrecer aos seus clientes. A ese respecto, afirmou que este proxecto nace nun momento "chave", de transición do 4G ao 5G, e "hai moita tecnoloxía por desenvolver". "Non todo o mundo pode facelo, e aquí ábrese un oco de oportunidade para as empresas pequenas, pero cun foco tecnolóxico claro", sinalou Pérez Freire, que confirmou que o laboratorio xa conta con equipamento e as empresas mostraron o seu interese no servizo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.