O Goberno español pide ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos que desestime o recurso da familia Couso

Os recorrentes defenden que a aplicación retroactiva da reforma da xurisdición universal vulnera os seus dereitos

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 19/01/2021 | Actualizada ás 18:13

Comparte esta noticia

O Goberno, a través da Avogacía do Estado, instou a desestimación da demanda presentada pola familia de José Couso --o xornalista galego asasinado en Bagdad hai 16 anos-- ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) ao entender que "non existiu violación algunha do Convenio Europeo de Dereitos Humanos por parte do Reino de España", segundo conclúe o escrito.

José Couso
José Couso | Fonte: Cedida.

O documento, de data 2 de decembro, presentouse a petición do TEDH como consecuencia do recurso instado pola familia hai máis dun ano para tratar de reactivar o caso, despois de esgotar todas as vías ante os tribunais españois.

Entre os seus argumentos, a Avogacía do Estado alude a regulación da xurisdición universal levada a cabo polo anterior goberno do PP en 2014 para xustificar que as autoridades españolas carecen de competencia legal para perseguir aos responsables dun crime "cometido fóra do seu territorio por axentes dun terceiro Estado, mentres non se cumpran os requisitos de procedibilidade, esencialmente, que os responsables se atopen en territorio español".

Na súa demanda, a familia sinalaba precisamente ao tribunal europeo que coa reforma da lei se lles "privou" da posibilidade de articular un recurso efectivo que permita a investigación e enxuiciamento do crime".

Ao longo das 59 páxinas do seu escrito de alegacións, os Servizos Xurídicos do Estado defenden pola contra que no caso da familia de Couso, "os dereitos do demandante a un proceso coas debidas garantías e o acceso a un remedio efectivo foron debidamente respectados", posto que ata a reforma de 2014 se despregou por parte das autoridades estatais "unha intensísima actuación de investigación xudicial para determinar os responsables do crime".

Con todo, unha vez o PP reformou a xurisdición universal mediante unha lei avalada polo propio Tribunal Constitucional, as autoridades españolas deixaron de ter competencia legal para perseguir os responsables dun crime cometido fóra do seu territorio por axentes dun terceiro país, aínda que continuaron as actuacións xudiciais, tendentes a esclarecer a permanencia ou non da súa xurisdición.

PECHE NON DEFINITIVO

Engade a Avogacía do Estado que o peche das actuacións xudiciais polas autoridades españolas non é definitivo, posto que se os presuntos responsables do crime se puxesen a disposición das autoridades, poderían proseguirse as actuacións xudiciais no punto en que quedaron detidas.

Pola súa banda, o avogado da familia Eduardo Gómez Cuadrado presentou os seus propios argumentos esta mesma semana, nos que expón que a aplicación retroactiva da reforma a procedementos xa en curso, e máis nun como o de Couso no que só queda por facer o xuízo, vulnera o dereito á tutela xudicial efectiva do artigo 8 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos.

Considera así mesmo que se Estados Unidos decide non entregar os seus militares para ser xulgados por crimes de guerra, é este país o que xera un espazo de impunidade internacional "pero se é un país da UE o que lexisla para que non sexa posible nin tan sequera solicitar a extradición, entón é ese país europeo, neste caso España, o que xera ese espazo de impunidade", segundo explican fontes da defensa.

Unha vez presentados os argumentos por ambas as partes, o TEDH deberá decidir se admite ou non a demanda, e se o fai resolver sobre o fondo do asunto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta