Por E.P. | A CORUÑA | 03/02/2021 | Actualizada ás 14:45
A compañía Greenalia ultima un novo informe arqueolóxico sobre o parque eólico proxectado no Monte do Gato, na comarca de Betanzos, tras localizarse tres mámoas megalíticas, segundo confirmaron desde a empresa.
Da súa aparición alertou a bióloga Mónica Fernández-Aceytuno quen, en decembro do ano pasado, rexistrou alegacións ao citado proxecto, previsto entre os termos municipais de Coirós, Oza-Cesuras e Aranga.
Entre outras cuestións, incidía nas súas alegacións en que o proxecto "se sitúa sobre a necrópole megalítica do Monte do Gato" e advertía tamén da localización, pola súa banda, de "dúas mámoas", túmulos funerarios da cultura megalítica.
Aludindo a ambos insistía en que un aeroxerador proxectado "non respecta o contorno de protección" de ambas as mámoas e pedía a suspensión do procedemento mentres non se realice unha "prospección arqueolóxica intensiva".
TÚMULOS FUNERARIOS
Sobre estes achados, a empresa confirmou a súa aparición e precisou que no momento de realización do proxecto, no ano 2018, "non foi detectado ningún resto arqueolóxico, razón pola que se expuxo así". "Por mor das alegacións presentadas e nunha visita que os técnicos realizaron o pasado mes de xaneiro, detectouse que, con posterioridade á redacción e presentación do noso proxecto, rozouse e limpouse a vexetación e matogueiras na zona".
"O que permitiu visibilizar os túmulos", apuntaron explicando que agora hai unha nova ferramenta cartográfica que permite ver "o relevo con gran detalle e visualizar máis en profundidade o terreo, co que os estudos que se realizan na actualidade son moito máis precisos".
MEDIDAS DE PROTECCIÓN
Por outra banda, avanzan que desde Greenalia están a traballar nun novo informe arqueolóxico, "valorando a posible afección para someter a valoración da Dirección Xeral de Patrimonio e, unha vez obtidos todos os informes, incluiranse as medidas correctoras e modificacións que se consideren necesarias para paliar posibles impactos deste proxecto".
Á súa vez, desde a Xunta aseguraron que, unha vez que a empresa promotora presente a nova memoria arquológica e as fichas destas mámoas, "serán tidas en conta á hora de informar este parque eólico, á vez que se adoptarán as medidas oportunas para proceder á súa protección".
Ademais, indicaron que por parte da Dirección Xeral de Patrimonio adoptaranse "como en todos os informes, as medidas correctoras necesarias para unha adecuada conservación e protección dos bens atopados".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.