Por Europa Press / Redacción | Madrid | 04/02/2021 | Actualizada ás 17:15
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, solicitou a comparecencia do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, para que informe sobre a prevención e detención da covid-19 nas granxas de visóns.
Rego expresou o seu interese polas fugas de visóns americanos en granxas galegas e trasladou ao Goberno central a necesidade de facer probas masivas.
A formación nacionalista destaca que, tras varios casos de zoonoses transmitidas polos visóns a persoal e veciños, parece claro que a covid-10 é un factor de risco que pode converter estas granxas nun foco de infección, polo que considera que "deberían cesar as súas actividades de inmediato".
"O impacto neste novo contexto transcende do ambiental e dos malos tratos animais, xa de seu importantes", sostén Rego, que asegura que se trata dun "foco de transmisión" do coronavirus e un "risco engadido" para as poboacións próximas.
Rego, que lembra que en Galicia está "inmensa maioría" das granxas peleteiras de visóns, interesouse polas probas a animais e persoas nestas explotacións e asegurou que o Ministerio e a Xunta difiren sobre o número de probas covid realizadas.
"Isto é un claro exemplo da falta de interese por controlar posibles gromos en animais, traballadores e veciños próximos ás granxas", criticou Rego.
Neste sentido, esixiu a comparecencia de Planas para que informe sobre as xestións feitas ou que porá en marcha o Executivo do Estado para a prevención e detección de Sars-CoV-2 neste tipo de granxas.
O Bloque esixe que se realicen probas masivas nestas explotacións e critica que o protocolo do Estado español determine só a realización de test cando existen certos síntomas, algo que pode "resultar fatal" dado que especies como os visóns "poden non ter síntomas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.