Científicos da USC prevén ás consecuencias que as decisións políticas da covid teñen na sociedade

Empregan diferentes estratexias, entre elas a análise das redes sociais para coñecer a actitude da cidadanía ante a crise sanitaria.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/02/2021 | Actualizada ás 11:21

Comparte esta noticia

Un equipo de investigadores da Universidade de Santiago avanza na elaboración dun mapa de risco da COVID-19 en España, centrándose nas vías de comunicación: estradas, autoestradas, portos, aeroportos... “Trátase de determinar que zonas son máis sensibles á pandemia en función da súa posición xeográfica e das súas vías de comunicación” -indica o catedrático Jorge Mira, un dos participantes nesta investigación.

Ademais, en colaboración con investigadores portugueses, están a buscar o control óptimo da pandemia, anticipándose ás consecuencias que as decisións políticas poden ter sobre a evolución da mesma, é dicir, como evolucionaría a pandemia se se toma unha ou outra medida.

Este grupo está a traballar na predición dinámica de escenarios de afectación por COVID-19 a curto e medio prazo. O seu obxectivo é conseguir predicir cal vai ser o avance da pandemia, co fin de poder anticiparse e poder tomar as medidas de prevención necesarias en cada momento, por exemplo no relativo á ocupación dos hospitais, asesorando á Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade durante a primeira onda.

Modelos matemáticos
Modelos matemáticos | Fonte: Barande - Wikipedia.

MODELOS MATEMÁTICOS E REDES SOCIAIS

Para poder realizar esta predición os investigadores recurren a diferentes métodos. O primeiro deles baséase nos modelos clásicos de ecuacións diferenciais, unha estratexia moi estendida neste tipo de estudos.

O profesor Mira explica que, “unha vez pasada a primeira onda de contaxios, o escenario comeza a mudar debido a que a poboación toma medidas de prevención de xeito irregular, ao tempo que as normativas van cambiando de maneira diferente entre territorios”. Estas circunstancias provocan que os métodos clásicos de predición deixen de funcionar, polo que os investigadores previron cambios de estratexia. Entón empezaron a analizar cales eran as diferentes respostas da cidadanía ante a pandemia, medindo estas respostas a través das manifestacións que se ían vertendo nas redes sociais, co fin de detectar como de proclive era a sociedade a cumprir as normas.

TERCEIRA ESTRATEXIA

Por outro lado, os investigadores atopáronse co problema de que os datos públicos que se ofrecían nun primeiro momento non coincidían coa realidade, como os relativos ao número de persoas infectadas, número de falecidos… Así, tiveron que botar man dunha terceira estratexia, denominada “modelado dinámico empírico”, que lles permite coñecer o avance da pandemia sen a utilización de ecuacións.

Este proxectos está financiado pola Universidade de Santiago de Compostela dentro do programa de micromecenado “Sumo Valor”, unha iniciativa da Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade co apoio do Consello Social da USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta