Por Alberto Quian | Madrid | 24/02/2021 | Actualizada ás 22:00
“A adhesión á dieta atlántica está asociada cun menor risco de morte por todas as causas en adultos maiores en España”. Esta á a conclusión á que chegou un equipo científico logo de estudar unha poboación de 3.165 individuos maiores de 60 anos aos que se lles fixo un seguimento medio de case once anos.
O estudo foi realizado por investigadores adscritos ao Departamento de Medicina Preventiva y Salud Pública da Universidad Autónoma de Madrid, o Centro de Investigación Biomédica en Red de Epidemiología y Salud Pública – CIBERESP (Instituto de Salud Calos III), a Unidade de Investigação em Epidemiologia (EPIUnit) do Instituto de Saúde Pública da Universidade do Porto, o Departamento de Ciências da Saúde Pública e Forenses, e Educação Médica desta universidade portuguesa, e o Instituto IMDEA Alimentación de Madrid.
O que fixeron foi examinar a asociación entre a adhesión á dieta atlántica tradicional de Galicia e norte de Portugal e a mortalidade por todas as causas en adultos maiores. Os científicos partiron das evidencias xa existentes de que “unha maior adherencia á dieta atlántica se asocia a niveis máis baixos dalgúns factores de risco cardiovascular e a un risco reducido de infarto de miocardio”. Porén, “non había certezas de se isto se traduce nunha menor mortalidade por todas as causas”, explican.
Con ese obxectivo, deseñaron un estudo cunha “cohorte representativa das persoas non institucionalizadas en España maiores de 60 anos”, isto é, persoas que non viven en centros de atención como residencias de anciáns ou centros de atención á discapacidade.
Os participantes no estudo foron recrutados entre marzo de 2008 e setembro de 2010, dos que se recolleu “un historial de dieta detallado, un conxunto completo de medicións físicas e unha análise de sangue nas visitas a domicilio por persoal preparado, mentres que os datos sobre variables sociodemográficas e de estilo de vida, morbilidade e uso dos servizos de saúde reuníronse a través de entrevistas telefónicas”, detallan os autores do traballo.
Os suxeitos foron contactados de novo entre febreiro e novembro de 2012 para actualizar información sobre a dieta e outras variables do estudo, e seguíronos ata xaneiro de 2020 para determinar o seu estado vital.
A adherencia á dieta atlántica mediuse cun índice que comprende nove compoñentes alimentarios básicos: peixe fresco (en xeral), bacallau, carne vermella e porcina, produtos lácteos, legumes e verduras, sopa de verduras, patacas, pan integral e viño.
Durante un seguimento medio de 10,9 anos aos 3.165 suxeitos do estudo, producíronse 646 mortes. Ao observar a adherencia á dieta atlántica dos individuos, observaron que esta “se asocia a unha mortalidade por todas as causas máis baixa”.
“A maioría dos compoñentes alimentarios da dieta atlántica mostraron certa tendencia a diminuír a mortalidade por todas as causas”, expoñen os investigadores, que defenden que “os resultados foron robustos”.
Así, existe un patrón de nutrientes que os científicos relacionan cun menor risco de morte: diminución das graxas saturadas e aumento da inxesta de ácidos graxos omega-3, proteínas fibrosas, vitaminas e minerais, “pero non de sodio”, apuntan.
Os patróns dietéticos, detallan os autores, “poden explicar os pequenos efectos acumulativos de alimentos individuais sobre enfermidades crónicas e as interaccións complexas entre os compoñentes dos alimentos”. Pero as técnicas de cociñado tamén poderían explicar “parte dos efectos sobre a saúde que ás veces se atribúen aos propios alimentos”, matizan.
A idade tamén é unha variable a ter en conta, xa que “ é posible que algúns alimentos teñan un efecto distinto sobre a saúde en suxeitos máis novos e maiores.
En conclusión, estes científicos afirman que “unha maior adhesión á dieta atlántica na poboación adulta maior de España está asociada a unha menor mortalidade a longo prazo”, e este “risco reducido de morte por todas as causas”, afirman, é “similar ao doutros patróns dietéticos saudables, como a dieta mediterránea ou o Índice alternativo de alimentación saudable [AHEI, polas súas siglas en inglés]”.
MÁIS EVIDENCIAS
Estes resultados, din, “están en liña” con outros estudos previos, como o publicado por investigadores do Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos da Universidade de Santiago de Compostela, no que “unha maior adherencia a dieta atántica foi asociada a unha maior cantidade de Bifidobacterium nas feces, un xénero probiótico que se pensa que é importante para as funcións fisiolóxicas, como o desenvolvemento da resposta inmune”.
Tamén resaltan a concordancia cos resultados doutro estudo transversal publicado en 2013 –realizado por algúns dos científicos que agora asinan o novo traballo–, no que se observou que “unha maior adherencia á dieta atlántica se asociou con niveis máis baixos de proteína C reactiva, triglicéridos, insulina, resistencia á insulina e presión arterial sistólica”, nunha poboación española maior de 18 anos.
Noutro traballo con poboación española menor de 70 anos e libre de morbilidades, a dieta atlántica relacionouse con “niveis máis baixos de colesterol total, triglicéridos, velocidade de onda de pulso, índice de masa corporal e circunferencia de cintura”.
En Portugal, unha investigación en adolescentes demostrou, ademais, que “a maior adherencia á dieta atlántica tamén se asociou cun colesterol total máis baixo, así como cunha circunferencia da cintura menor”.
Neste país, outro estudo en maiores de 18 anos tamén relacionou a maior adherencia á dieta atlántica con “probabilidades máis baixas de infarto agudo de miocardio non fatal”. “Os grupos de alimentos que máis contribuíron a esta asociación foron o bacallau, os produtos lácteos, as leguminosas e as verduras, o pan integral e o viño. Pola contra, o consumo de carne vermella e porco, así como de patacas, asociouse a maiores probabilidades de infarto de miocardio”, describen os investigadores.
Con todo, recordan que “a dieta pode cambiar co paso do tempo e os seus efectos sobre a mortalidade poden ser acumulativos e ter longos períodos de indución”, polo que “aínda se precisan máis evidencias de estudos con medicións repetidas da dieta e seguimentos a máis longo prazo”, clarifican.
O PERIGO DE AFASTARSE DA DIETA TRADICIONAL
Este estudo adquire relevancia tamén se consideramos o actual patrón alimentario dos galegos, cada vez máis afastado da tradicional dieta atlántica.
En 2019, científicos do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC) compararon o impacto ambiental e nutricional da dieta atlántica tradicional coas tendencias de consumo actuais. O que atoparon foi que “o patrón de consumo real en Galicia está lonxe do recomendado, con peor calidade ambiental e nutricional”, cunha maior pegada de carbono (máis contaminante) e menos saudable.
Entre outros riscos da dieta actual dos galegos, os investigadores da USC advertiron dunha inxesta excesiva de sodio (causa principal de mortes relacionadas cunha dieta inadecuada, con altas doses de sal) que, como se comprobou no estudo publicado agora polos científicos de Madrid e Porto, no caso da dieta atlántica non se dá.
Os científicos asocian consumir unha maior cantidade de alimentos ultraporcesados cun maior risco de mortalidade. Así o puxo de manifestó, por exemplo, unha investigación liderada desde a Universidade de París XIII (Francia), publicada en 2019 .
O aumento no consumo de carne tamén é espectacular. Se na dieta atlántica é de 91,9 gramos por persoa e día, de media, actualmente estamos inxerindo 217 gramos, segundo os patróns da dieta actual. É dicir, estamos comendo máis do dobre de carne que coa dieta tradicional.
A recomendación da Sociedad Española de Nutrición Comunitaria (SENC) é consumir como máximo 125 gramos por persoa semanais de carne vermella e procesada, e 325 gramos por persoa semanais de carne branca. Os galegos estamos inxerindo actualmente quilo e medio de carne á semana, de media. Varios estudos relacionaron o consumo excesivo de carne vermella e procesada cun maior risco de padecer enfermidades cardíacas, accidentes cerebrovasculares e certos tipos de cancro.
Tamén se disparou o consumo de doces, que na dieta atántica é, de media, 11,7 gramos por persoa e día, mentres que actualmente estamos inxerindo 15,5 gramos.
A inxesta de ovos, lácteos e cereais tamén é lixeiramente maior na dieta actual.
Pola contra, caeu dramaticamente o consumo de froita, que non chega na dieta actual (439 gramos por persoa e día) nin á metade dos valores da atlántica tradicional (1.024 gramos).
Destacan tamén os descensos dos froitos secos –de 33 a 5 gramos– e legumes –de 29,3 a 20,1–, mentres que se sitúan lixeiramente por debaixo dos niveis da dieta tradicional a inxesta de vexetais, mariscos e pescados, e aceites e graxas.
Os datos destes e outros estudos animan ós científicos a pedir un cambio nas tendencias actuais na alimentación dos galegos, abandonando os alimentos procesados e precociñados para volver á saudable dieta atlántica das nosas avoas.
Investigadores das universidades de Santiago de Compostela e Londres avalaron en 2020 as vantaxes da dieta tradicional de Galicia para a saúde humana e a do medio ambiente, e propuxérona como “opción dietética alternativa á mediterránea”.
É por iso polo que pediron ás autoridades competentes o “desenvolvemento de campañas públicas para promover ambos os patróns dietéticos entre os cidadáns españois”.
Porque, como din investigadores da Unidade de Endocrinoloxía e Nutrición do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), a atlántica “debe ser considerada un excelente patrón de dieta e estilo de vida”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.