Por Galicia Confidencial | Ribadumia | 11/08/2013 | Actualizada ás 10:48
Ribadumia ten estes días un convidado especial, trátase do presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, que decidiu cambiar a súa tradicional residencia de Sanxenxo por unha casa rural en Ribadumia para evitar ser o blanco das protestas sociais.
O presidente español e a súa familia descansan na "Casa de Alicia", un enclave con vistas á Ría de Arousa e preto dos lugares que lle gustan a Rajoy. Pero tamén en Ribadumia é persoa non grata. Precisamente, para lembrarllo o BNG deste concello ten intención de facerlle entrega dunha cesta regalo con obxectos que lle lembran a súa lexislatura e non, precisamente, de xeito agradable.
Así, nesa cesta hai un diccionario de galego, "para que o Presidente poida entenderse cos indíxenas do lugar e mesmo comezar a dicir algunhas palabras na lingua do país que o viu nacer" ou unha caixa de puros, cuns sobres e uns billetes no seu interior "para que o Presidente do Reino de España non bote nada de menos durante a súa estancia en Ribadumia", apunta o BNG.
Outros "agasallos"
Nesa cesta tamén hai unha rama de parra con mildeu "para que o presidente poida comprobar que na vida real que onde el ve brotes verdes, o que hai realmente é mildeu" e o disco “Broncodilatador”, de Terbutalina, boa mostra da actual música galega, e que contén a canción “R.A.J.O.Y.”, "para que poida escoitar música en galego e comprobar de primeira man como él mesmo forma parte dos contidos temáticos deste grupo".
Finalmente, o recipiente contén tamén un libro de citas, "para que poida dicir a súa frase favorita ao rematar de ler cada cita" e un listado de nomes rusos, "para que poida comprobar de primeira man que “Vladimir” é un nome ruso, pero que “Dimitir” non o é".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.