Condenada a máis de tres anos de prisión unha coidadora por roubar e estafar a unha dependente en Pontevedra

A procesada comprometeuse a pagar un mínimo de 150 euros ao mes á súa vítima, conta co aval dunha terceira persoa e ten unhas circunstancias persoais especiais, con varios fillos ao seu cargo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/02/2021 | Actualizada ás 17:40

Comparte esta noticia

Unha veciña de Pontevedra, Rocío P.F., acusada de estafar e roubar ata deixar nunha situación económica "moi delicada e precaria" a unha muller dependente á que coidaba, recoñeceu este xoves os feitos na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra e aceptado unha condena de tres anos e nove meses de prisión, así como pagar á súa vítima unha indemnización de 26.956 euros. Á procesada aplícaselle a atenuante de confesión, ademais do agravante de abuso da confianza pola estreita relación que tiña coa vítima polo feito de ser a súa coidadora.

O xuízo resolveuse mediante un acordo de conformidade entre as partes. A vítima e a Fiscalía mostráronse favorables á suspensión da pena privativa de liberdade se a muller non volve delinquir no prazo de catro anos e medio. Ademais, terá que satisfacer a responsabilidade civil e indemnizar á vítima e deberá cumprir traballos en beneficio da comunidade. A procesada comprometeuse a pagar un mínimo de 150 euros ao mes á súa vítima, conta co aval dunha terceira persoa e ten unhas circunstancias persoais especiais, con varios fillos ao seu cargo.

Segundo recolle o escrito de acusación da Fiscalía e recoñeceu este xoves a acusada, entre xuño de 2017 e abril de 2018 esta muller traballou en casa da súa vítima en Pontevedra realizando labores do fogar e de coidado persoal da señora, que ten moitos problemas de saúde e moi graves dificultades de mobilidade, polo que debe desprazarse necesariamente en cadeira de rodas, e é dependente para moitas tarefas básicas da vida diaria.

ACCESO

Para realizar os seus que faceres a acusada dispuña dunhas chaves da vivenda e tiña acceso a todas as dependencias da casa. En moitas ocasións tamén acompañaba á señora a facer xestións bancarias ou lle axudaba a realizalas persoalmente polo que, debido á boa relación e confianza existente entre elas, facilitoulle o PIN do seu cartón bancario e as claves de acceso á súa banca electrónica. Por esa boa relación, a pesar de que en abril de 2018 deixou de traballar con ela, adoitaba visitala regularmente. Ademais, quedou cunha copia das chaves sen autorización.

A acusada aproveitouse das graves dificultades físicas da xefa, da familiaridade e apego coa mesma, de que coñecía os seus horarios de paseos de mañá e tarde, do libre acceso que tiña a todas as habitacións da casa mentres traballou alí e da facilidade para seguir visitando o domicilio despois sen contar en ningún momento co coñecemento e consentimento da dona, segundo a Fiscalía, que indica que, desta forma, apoderouse de diñeiro, xoias e obxectos de valor.

Xulgados
Xulgados | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta