Acusan á Xunta de "desinformación" sobre o lobo para denfeder o "lobby agrogandeiro"

Fruga reclama á Xunta clarificar o número de ataques de lobos e o Grupo Campo Grande pide a participación dos actores locais no grupo de traballo anunciado polo Goberno

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2021 | Actualizada ás 13:48

Comparte esta noticia

A Federación Rural Galega (FRUGA) reclamou á Xunta clarificar que ataques corresponden a lobos, á vez que lle pediu que asuma as súas "responsabilidades" e non faga "abandono das súas funcións" tras a polémica xurdida por mor da decisión do Goberno central de incluír o lobo na Lista de Especies de Protección Especial.

Pola súa banda, a organización animalista Libera reprocha á Xunta "desinformación", mentres que o Grupo Campo Grande reclama a participación dos actores locais implicados no grupo de traballo anunciado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Nun comunicado, FRUGA reclama a participación desta organización nas reunións e mesas de traballo sobre este tema e piden saber con certeza "se todos os ataques atribuídos ás accións dos lobos son realmente producidos por esta especie ou ben podería ser que moitos destes ataques, que son certificados como tal, pódense deber ao ataque de cans asilvestrados, cans de caza ou que andan libres".

Tamén preguntan á Consellería de Medio Ambiente "se ten estudos e traballos feitos pola comunidade científica de que todas as poboacións que se teñen como lobos o son ou se cabería a posibilidade de que algunha fose de poboacións hibrídas".

"Non é fácil de entender que unha problemática deste calibre, a Xunta pretenda deixala en mans dos cazadores", sinala no seu comunicado no que apela a buscar "puntos de encontro" entre os distntos sectores.

"Partindo de que os custos da conservación do lobo non pode recaer sobre as costas dos sectores gandeiros, senón que ten que ser responsabilidade de toda a sociedade". Tamén insiste en que, ao deixar de ser o lobo unha especie cinexética, a "responsabilidade do control" é da Consellería de Medio Ambiente.

POLÍTICAS PREVENTIVAS

Por outra banda, a organización animalista Libera denuncia unha "campaña de desinformación" da Xunta "contra o lobo ibérico e o seu novo status legal" que cualifica de "facilmente desmontable se se atende ás denuncias que realiza o propio lobby agrogandeiro, onde se subliña que as actuais axudas cobren apenas o 50% do valor do animal danado".

Libera argumenta que "estas accións mediáticas encamiñadas a criminalizar ao lobo teñen como obxectivo desviar a atención sobre a falta de políticas preventivas útiles para garantir esta convivencia pacífica". Neste sentido, recalcan que "o Foro do Lobo é a única ferramenta participativa, necesaria e aberta, que podería xerar solucións colaborativas como xa sucede noutros países europeos".

Mentres, afirma que "non hai evidencias científicas de que as batidas autorizadas nestes anos pola Xunta de Galicia achegasen melloras para os gandeiros e o número de danos que se notifican a través da 012 mostra un incremento que pode estar relacionado con múltiples factores".

PARTICIPACIÓN DE ACTORES LOCAIS

Pola súa banda, o Observatorio Grupo Campo Grande para a coexistencia do lobo e a gandaría extensiva (GCG) reclama que se inclúa tamén a participación doutras redes e actores locais e valorar as propostas que se elaboren colectivamente.

Neste sentido, insiste en que "o modelo de xestión do lobo afecta a sectores moi diferentes, a distintos territorios e son moitos os axentes potencialmente interesados ou implicados directa ou indirectamente e que son imprescindibles para xerar acordos paragarantizar a efectiva protección e a coexistencia do lobo ibérico e a gandaría extensiva"

ALEGACIÓNS DE ASOCIACIÓN AGRARIA

Á súa vez, a Asociación Agraria de Galicia pediu que se manteña o status actual do lobo ibérico en termos de catalogación e consérvese o seu carácter cinexético ao norte do Douro, "sen menoscabo do impulso de medidas que contribúan a mellorar a coexistencia e a expansión actual da especie".

Entre as alegacións que presentou ao Ministerio, está que a evolución da especie e poboación actual en España "non xustifican a súa inclusión na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial".

Apunta tamén aos "prexuízos económicos" que, segundo sostén, causa, aos que suma os provocados en "a fauna silvestre". Afirma, nas súas alegacións, que as medidas preventivas existentes "non resultan eficaces en todas as circunstancias" e critica que a decisión sobre o lobo adoptouse "sen consenso".

Lobo Ibérico / ANA RETAMERO PARA WWF. / Europa Press
Lobo Ibérico / ANA RETAMERO PARA WWF. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta