Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2021 | Actualizada ás 09:00
Continúan as mobilizacións no eido da sanidade pública. Nas xornadas en que Satse vén de denunciar a continuidade do modelo “precario” malia o paso da pandemia, os profesionais eventuais do Sergas anuncian unha gran mobilización no sector que, noutras circunstancias, levaría os sanitarios e sanitarias do Servizo Galego de Saúde ante o Congreso, ou mesmo ata a Sede do Parlamento Europeo.
A mobilización en cuestión, convocada por PROSAGAP, encádrase na VI edición das marchas de eventuais do Sergas e terá lugar ata o vindeiro 16 de marzo. Por mor das condicións sanitarias, a particular peregrinación terá lugar de xeito virtual e simbólico. O punto de encontro serán as RRSS. Dende a plataforma instan a publicar mensaxes “reivindicativas ou de apoio” cun só condicionante: que vaian plasmadas sobre un globo.
“A cada foto que enviedes”, apuntan dende PROSAGAP, “corresponderalle un tramo de 10km”. O obxectivo é tamén conformar un mural final no que todas as fotos de apoio axuden a dar visibilidade á problemática do profesional eventual do SERGAS; unha problemática que esta mesma semana cobrou tamén protestas no marco do Hospital Clínico de Santiago.
Galicia Confidencial xa recolleu en ocasións anteriores as críticas e protestas de sanitarios de toda a comunidade galega contra unha política de contratación por parte do Sergas que remata "queimando" os profesionais da Sanidade. Unha traballadora da UCI do Hospital Clínico de Santiago deixaba claro o desgaste que, ao seu ver, provoca este modelo de contratación sobre os profesionais da sanidade: "a xente prefire traballar nun súper a que os maltrate o Sergas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.