Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2021 | Actualizada ás 12:41
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quere reunirse nun prazo o máis breve posible co ministro de Política Territorial e Función Pública, Miquel Iceta, co fin de analizar as posibilidades de ampliar o desenvolvemento de competencias da Comunidade. No foco do mandatario autonómico está o traspaso da Autoestrada do Atlántico (AP-9) e das funcións e medios de ordenación e xestión do litoral.
Fontes da Xunta consultadas por Europa Press ratificaron que ambos os mandatarios falaron por teléfono recentemente e que, tras manter encontros con varios ministros --na pasada xornada co titular de Transportres, José Luís Ábalos--, o presidente galego quere agora verse con Iceta co fin de falar de transferencias. Entre as prioridades de Feijóo estaría o traspaso da AP-9, nun escenario no que o Congreso xa aceptou a admisión a trámite dunha proposta de lei que partiu por unanimidade do Parlamento autonómico en favor desa transferencia.
Este mércores, tras o encontro con Ábalos, Feijóo incidiu na importancia de traballar de forma "conxunta" entre ambas as administracións dado que o "obxectivo" é que Galicia asuma a titularidade dunha autoestrada estratéxica para a Comunidade. De feito, ministro e presidente galego acordaron tratar de "xuntar criterios" para definir as rebaixas de peaxes comprometidas polo Executivo que dirixe Pedro Sánchez.
En todo caso, tras anos nos que o proceso de transferencias á Comunidade se detivo, a Xunta tamén puxo o foco no traspaso das competencias para a ordenación e xestión do litoral. Esta mesma semana, sobre unha iniciativa do PPdeG, alcanzouse precisamente un acordo no Pazo do Hórreo e o tres grupos (populares, socialistas e nacionalistas) apoiaron a intención da Xunta de solicitar formalmente ao Estado a transferencia das competencias de xestión do dominio público marítimo terrestre.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.