Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2021 | Actualizada ás 09:45
A primeira webserie interactiva en galego, que consta de tres capítulos, Amnesia 3.0 confirma que estreará a súa temporada presencialmente no cinema Numax de Santiago de Compostela o vindeiro mes de maio.
Nomeada a pasada semana como finalista aos premios Mestre Mateo na categoría de serie web, este Black Mirror á galega traballa xa na súa segunda temporada despois de estrearse no festival de contidos dixitais Carballo Interplay en novembro de 2020.
Nesta nova entrega do distópico mundo que esqueceu, uniranse outras personaxes interpretadas por actrices galegas como Lidia Veiga, Melania Cruz ou Mabel Rivera, que se unirán ás intérpretes da primeira, entre as que se atopaban caras coñecidas do panorama galego como Monti Castiñeiras, Isabel Naveira ou Sabela Arán.
"APOSTA INTERACTIVA SEN PRECEDENTES"
Amnesia 3.0 constitúe un fito dentro da ficción dixital galega, pois a persoa espectadora debe escoller por que itinerario se achega á historia, naqueles puntos onde as personaxes se cruzan.
Segundo a produción da serie, esta é "unha aposta interactiva sen precedentes que nace dunha teima por atreverse a romper cos límites impostos e expande o panorama das webseries a un xénero pouco explorado como é o da ciencia ficción".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.