Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/03/2021 | Actualizada ás 14:51
A programación en homenaxe a Xela Arias polo 17 de maio chegará a todos os recunchos de Galicia da man de decenas de iniciativas como exposicións itinerantes, edicións conmemorativas e todo tipo de accións sociais ou educativas dirixidas a difundir e abordar a vida e obra da docente, escritora e editora galega.
O programa foi presentado este martes polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, ademais da CRTVG e familiares e amigos da homenaxeada.
Tanto o Goberno galego como a RAG levarán os actos centrais do 17 de maio na cidade de Vigo, onde se celebrará o pleno de conmemoración organizado pola Academia. A autora de Sarria será, ademais, a protagonista da segunda conmemoración das Letras Galegas condicionada pola pandemia da covid-19, tras a homenaxe a Ricardo Carvalho Calero o pasado 2020.
Por iso, a Xunta, a Real Academia Galega e o resto de institucións e entidades implicadas tamén botarán man das posibilidades das novas tecnoloxías para tratar de manter o pulso e levar as actividades ao redor da figura de Arias a todo o territorio.
PROGRAMA EXPOSITIVO E EDITORIAL
A exposición 'Xela Arias. Asinamos ser libres', sobre a vida, obra e o contexto histórico da autora, percorrerá un total de dez concellos, e a mostra 'Aquela meniña de Sarria' na Biblioteca de Lugo repasará as orixes e a infancia da homenaxeada neste municipio lucense.
Darío Gil, fillo da autora, promoverá a mostra fotográfica 'Tigres coma cabalos' con preto de 50 pezas, inspirada no poemario asinado por Arias, e que chegará a Vigo e Santiago xunto a reedición da obra en formato catálogo expositivo.
Outra proposta será a exposición sobre o fondo bibliográfico da autora presente na Biblioteca de Galicia e a iniciativa virtual 'Xela Arias. Fotogalerías. Retratos de autor', cunha fotogalería con preto de 30 imaxes que se poderá ver no 'Portal da Lingua Galega'.
ACTOS E INICIATIVAS EDITORIAIS
'Vencerse é cousa de tratarse' propón un espectáculo poético-musical sobre a última obra da autora, 'Intempériome', e que fará realidade precisamente un proxecto da propia Xela Arias.
A Cidade da Cultura acollerá unha lectura participa en maio coa que se realizará unha peza audiovisual que se difundirá en redes sociais, recolleranse e difundirán testemuños de familiares, amigos e representantes da cultura galega e proxectaranse versos e imaxes de Arias en 25 edificios e emprazamentos significativos de toda Galicia.
No ámbito editorial, impulsaranse obras inéditas como 'Non te amola!', que a autora ultimaba cando faleceu, ademais de edicións especiais, biografías e reedicións das súas creacións.
O Portal das Palabras da RAG, o Consello da Cultura Galega ou a CRTVG desenvolverán contidos específicos sobre a vida e obra da autora.
Entre eles, o 16 de maio celebrarase o 'Concerto das Letras Galegas' organizado polo Consello da Cultura Galega a cargo de PicoAmperio e Laura LaMontagne.
PROPOSTAS EDUCATIVAS
No ámbito educativo, a 'Xornada do Día das Letras Galegas' ofrecerá ferramentas aos centros para abordar a figura de Arias, mentres que a Academia organiza de novo a iniciativa 'Primavera das Letras'.
A RAG tamén impulsará un simposio centrado na súa figura e dirixido ao profesorado de lingua galega e literatura, mentres que os equipos de dinamización dos centros deseñarán todo tipo de iniciativas sobre a autora.
Entre as decenas de iniciativas que levarán a cabo os centros, destacan unhas xornadas do IES Xelmírez II de Santiago coa participación de María Xesús Nogueira e Fernando Abreu e a programación do IES Castelao de Vigo, con lectura de poemas, actuacións musicais, relatorios e coloquios.
Outras accións que abarca a programación das Letras inclúen certames de relato, debuxo, fotografía, rap en galego, ou de podcast dirixidos aos mozos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.