O cambio climático, un dos grandes perigos para os mariscos e moluscos galegos

A coquina pasou de 40 toneladas nos anos 90 aos 500 quilogramos da actualidade, mentres que o mexillón afronta un novo perigo, as biotoxinas SPX-13 e a PnTX-G, pouco estudadas aínda en Galicia. Pola contra, un equipo no que participa a USC afondou sobre a “marteliose”, un dos principais inimigos dos berberechos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/03/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O cambio climático e a contaminación están entre os principais perigos aos que se enfrontan os mariscos e moluscos que viven nas rías galegas. Así o poñen de manifesto varios estudos e informes dados a coñecer nas últimas semanas que abordan a situación do mexillón, do berberecho e da coquina.

Superlonxa de marisco celebrada en Burela na que se buscaban as mellores poxas / Carlos Castro/Europa Press
Superlonxa de marisco celebrada en Burela na que se buscaban as mellores poxas / Carlos Castro/Europa Press

Precisamente, a situación deste último bivalvo é a máis delicada.  A produción anual de coquina ou cadelucha (Donax trunculus) en Galicia chegou as 40 toneladas nos anos 90 pero experimentou un gran descenso desde o 2001. As producións máis importantes rexistrábanse históricamente no Barquerio e O Vicedo (Areal do Lombo das Navallas), Cedeira (Areal de Vilarrube) e Baiona (Arela de Praia América). Actualmente a produción media anual non chega aos 500 kilos, dos areais de Corrubedo e Cedeira,  para unha especie cun alto valor comercial e unha cotización en lonxa e arredor dos 42 euros/kg.

As condicións ambientais son a causa máis probable da súa desaparición. Así o apunta o estudo “Wedge clam (Donax trunculus Linnaeus, 1758) reproduction: reproductive traits and environmental influence in the NW Iberian coast and contrast across Atlantic and Mediterranean watersdos” publicado por varios investigadores galegos (CIMA, UVigo, USC e CSIC) que avalía a influencia dos factores ambientais sobre o seu ciclo biolóxico.  

Unhas condicións ambientais que teñen moita influencia sobre o desenvolvemento gonadal e o rendemento da vianda e que dependen da produtividade das augas. “Os anos de afloramentos costeiros rexistráronse os máximos desenvolvementos gonadais durante a época de posta”, apuntan. A temperatura e a concentración de clorofila son os factores determinantes nas diferencias xeográficas na reprodución. Nas zonas de  augas máis quentes empezan a poñer antes cun tamaño menor e un período de posta é mais longo. 

MEXILLÓN

Pola contra, outro estudo, “Contamination Status of Lipophilic Marine Toxins in Commer cial Shellfish from Spain, Chile and South East Pacific”, tamén asinado por varios investigadores galegos, detectou novas biotoxinas, a SPX-13 e a PnTX-G, nos mexillóns galegos para as que aínda non hai desenvolvida unha regulación.

Mariscadores e mariscadoras apañando ameixa e berberecho na Ría de Muros e Noia
Mariscadores e mariscadoras apañando ameixa e berberecho na Ría de Muros e Noia | Fonte: Liliana Solís

O estudio analizou a presencia de biotoxinas lipofílicas en mostras de mexillón procedente de Galicia, Chile e ameixa do surleste do pacífico, tomadas nos puntos de expedición ao consumidor. Nas mostras analizáronse tanto a serie de biotoxinas lipofílicas que recolle a lexislación europea, coma as novas biotoxinas que están xurdindo en aguas europeas para determinar o risco potencial para o consumidor. 

Os resultados mostraron a presencia de biotoxinas lipofílicas en todas as zonas de produción pero sempre por debaixo do límite permitido. En Galicia, o ácido ocadaico foi o máis frecuente, pero detectáronse novas biotoxinas, a SPX-13 e a PnTX-G, esta última tamén no mexillón chileno. Aínda que o estudo conclúe que o consumo de mexillón non presenta risco algún no relativo a estas biotoxinas emerxentes, recomenda o desenvolvemento de métodos analíticos máis robustos e con máis amplo espectro.

De feito, a bioacumulación de biotoxinas por moluscos bivalvos é un do factores limitantes para o desenvolvemento do sector da acuicultura e o marisqueo. Segundo fontes do sector consultadas por GC, dado que é algo frecuente no medio mariño, “implica importantes inversións tanto para o control das zonas de produción, competencia da administración autonómica que asume o INTECMAR, coma para as empresascomercializadoras que están obligadas a facer os seu propios controis, tanto nas depuradoras, como nas industrias transformadoras”.

O BERBERECHO

Por outra banda, outra investigación posibilitou a identificación de patóxenos que ameazan o berberecho, especialmente, a ‘marteiliose’, e a posterior elaboración dun catálogo virtual que dá conta dos principais riscos detectados en cada localización produtora. 

O proxecto Cockles, un programa Interreg da Área Atlántica coordinado pola Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) no que participa o grupo de investigación Acuigen da USC xunto con varios países europeos fai, con todo, unha chamada ao optimismo respecto da reactivación das pesqueiras de berberecho naquelas rexións atlánticas galegas, tal e como é o caso de Vilagarcía de Arousa, nas que a incidencia da ‘marteiliose’ erradicou a súa produción.

O berberecho, un recurso mariño de máxima calidade, pero pouco apreciado fóra de Galicia, segundo indica o coordinador do grupo Acuigen, Paulino Martínez Portela, catedrático de Xenética da USC na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, que precisa que “Galicia, ademais de ser un importante produtor, é tamén o principal importador dun molusco cuxo consumo non está xeneralizado fóra da comunidade”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta