Protestas contra a "desertización industrial" na Rúa: "van converter o país nun ermo produtivo"

O concello ourensán mobilízase contra o peche do centro de control de Iberdrola, que levaba operando dende 1955 e que será trasladado a Salamanca.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2021 | Actualizada ás 09:10

Comparte esta noticia

Continúa a loita no concello ourensán da Rúa para evitar a marcha do centro de control de Iberdrola. A empresa anunciou días atrás que poñería fin ao funcionamento das instalacións o vindeiro 31 de marzo para arrincar o seu traslado a outra localización. Aínda que a decisión, explican dende a compañía, é firme; o concello ourensán non se dá por vencido.

Mobilización da CIG ante o centro de Iberdrola na Rúa en protesta polo seu traslado
Mobilización da CIG ante o centro de Iberdrola na Rúa en protesta polo seu traslado | Fonte: CIG-Industria

O chamamento a manter as instalacións, que agás sorpresa serán trasladadas a Salamanca, foi sostido polos grupos político locais en grupo, pero a plataforma máis implicada co mantemento dos postos dos 12 traballadores que alí exercen é a CIG-Industria. A Confederación vén de sementar varias semanas de activa mobilización neste concello da Rúa, que pretenden culminar cunha nova manifestación ao bordo da data final.

Esta marcha --quizais a derradeira-- está convocada para o vindeiro domingo 28 de marzo, tan só 3 días antes de que o peche anunciado se faga efectivo. Segundo apuntan dende a CIG, este “paso máis” para reclamar o mantemento do centro arrincará ás 11:30 horas no número 1 da rúa do Progreso --a da Rúa, non a de Ourense-- por ser o punto onde se localiza o centro de control.

DENDE 1955

A manifestación anunciada pola CIG chega así como o último golpe dunha loita que, segundo apuntan todos os indicadores, rematará coa marcha doutra porción do sector secundario galego. Para a Confederación, a “deslocalización” de Iberdrola “é un paso máis no proceso de desertización industrial que atravesamos e que ameaza con converter o noso país nun ermo produtivo”. O centro levaba aberto dende 1955.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta