Por E.P. | Santiago de Compostela | 28/03/2021 | Actualizada ás 13:02
O BNG rexistrou senllas iniciativas no Parlamento de Galicia para que este acorde apoiar a exención de dereitos de propiedade intelectual para o comercio de fármacos, en especial de vacinas, tecnoloxía e probas diagnósticas relacionadas co coronavirus durante a pandemia.
Os nacionalistas lembran que esta proposta, que partiu de India e Sudáfrica, foi apoiada por máis dun cento de países e organizacións sociais e sindicais.
A través das distintas iniciativas, o Bloque tamén expón que a resolución parlamentaria esixa que non se limite ningunha vacina que superase os controis sanitarios e que todas aquelas que fosen aprobadas se incorporen aos procesos de adquisición.
Do mesmo xeito, a formación busca que se reclame á Xunta, o Goberno central e a Comisión Europea o apoio a esta proposta para "protexer o dereito das persoas á saúde e a vida".
Así mesmo, a portavoz de Sanidade do Bloque incidiu en que as administracións públicas deben asumir responsabilidades en relación á saúde da cidadanía, en lugar de deixala "en mans de empresas privadas da poderosísima industria farmacéutica", que "está a ter beneficios millonarios". Así, tachou de "escandalosa" a "opacidade" coa que os Estados e a Unión Europea "están a xestionar todo o referente ás vacinas".
Neste sentido, reprobou a "hipocrisía de parecer indignarse co incumprimento das farmacéuticas na entrega de doses" mentres "se bloquea a adquisición doutras dispoñibles ou a exención dos dereitos de propiedade intelectual".
Así as cousas, a deputada autonómica lamentou que "unha prioridade sanitaria absoluta estea convertida en pura transacción económica", xa que, segundo defendeu, "non é entendible que só se produzan vacinas en tres países da UE" e que non se levaron a cabo actuacións que permitan "garantir o maior nivel de produción posible". Ademais, criticou a negativa a negociar a adquisición de vacinas que non procedan de países da OTAN.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.