A derradeira lección do profesor Gómez Segade

O profesor Xosé A. Gómez Segade xubílase da docencia universitaria . O próximo día 27 do mes que andamos, cando as badaladas da catedral compostelá anuncien as doce da mañá, entrará no salón artesonada de Fonseca para impartir a súa derradeira lección como catedrático da Facultade de Dereito. Ese día terá moita máis audiencia, porque amais dos alumnos acudirán outros discípulos que desde 1984 tiveron a sorte de formárense na súa cátedra de dereito mercantil.

Por Xosé Glez. | Redondela | 22/09/2013

Comparte esta noticia
Mais esta non será a derradeira lección do mestre, porque os os galegos sabemos que non todo o último é derradeiro. Seguirá  exercendo o seu maxisterio aquí e fóra das nosas lindes onde ten acadado notable prestixio internacional; un prestixio que na nosa Terra institucións como a Real Academia Galega, da que debería ser académico hai tempo, non souberon valorar.
 
Recentemente foi homenaxeado pola Irmandade Xurídica Galega, da que foi fundador. Naquela sesión ateigada de xuristas, os máis deles ex-alumnos seus, o profesor Anxo Tato fixo unha acendida e xusta louva do profesor Segade. Recordou que xa na década dos anos sesenta, cando a informática estaba ben lonxe do coñecemento popular, el escribira un artigo sobre a protección xurídica do software. Ou  salientar que o seu paso por instancias internacionais xurídicas  nas que desempeñou cargos relevantes o teñen convertido nun referente do Dereito a escala internacional.
 
A pedagoxía do seu nacionalismo militante nas aulas fixo que moitísimas fornadas de alumnos sexan hoxe sobranceiros xuristas que hoxe exercen coherentemente a súa actividade profesional en lingua galega nos bufetes, docencia e xudicatura. Pola autenticidade do seu exemplo, proximidade e bondade é respectado, admirado e querido por todos eles. Nun medio tal hostil para a lingua galega como foi a Facultade de Dereito, o profesor Gómez Segade non se arredou polo tufo dese ambiente e impartíu as súas clases maxistrais en lingua galega. Esta práctica nunca supuxo para o profesor ningún problema na comunicación cos seus alumnos. Prestixíou a nosa lingua e demostrou sobradamente que o noso idioma é apto para ensinar Dereito.
 
Do mesmo pensar foi Lois Tobio, o brillante diplomático e galeguista, cando no curso 1930-31 impartíu un curso de historia do Dereito en lingua galega. Así o conta nas súas memorias: “Debutei como profesor na facultade de Dereito impartindo un curso de historia do dereito galego que dei na nosa lingua, pois xa non había pexas para o emprego dela porque estabamos na República. Tan contentos quedaron os alumnos, que cando rematei entregáronme como homenaxe un pergameo”. Esta actitude, con seren probados galeguistas, non a tiveran  Salvador Cabeza de León, que fora presidente do Seminario de Estudos Galegos, nin Lois Porteira Garea, ambos os dous profesores da Facultade.
 
Mágoa que os claustrais das tres facultades de dereito, agás  media ducia de profesores excepcionais, non secunden  os exemplos de Lois Tobio e o do profesor Gómez Segade, máis dilatado no tempo, que debera ser o referente do galeguismo xurídico para os futuros alumnos do centro. E non hai mellor maneira para perpetuar a memoria do seu galeguismo universitario ca constitución  na Facultade do Seminario Xurídico “Gómez Segade” dirixido polos profesores e discípulos do mestre, pensado para a galeguización integral dos futuros licenciados en dereito.
 
A derradeira lección do profesor  Gómez Segade na aula magna de Fonseca  lembraranos aqueloutra impartida por don Ramón Otero Pedrayo co gallo da súa xubilación  tan concorrida que moitos non puideron acceder á aula.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA