Si, tal e como facían representantes sindicais do corpo, botamos a vista a 20 anos atrás caeremos na conta de que en 2024 a capital de Galicia conta con 57 policías menos, un 30% menos. Será que os que vivimos en Compostela ou os milleiros de visitantes ou residentes temporais, somos hoxe moito máis pacíficos, moito máis cívicos, que hai 20 anos?.
A Policía Local réxese pola Lei 2/1986, de 13 de marzo de forzas e corpos de seguridade e pola Lei 4/2007, de 20 de abril de coordinación das policías locais de Galicia. Esta última reproduce no seu artigo 8 as funcións deste corpo policial, entre outras: responsable de control e vixilancia do tráfico nas zonas urbanas, incluído o realización de atestados; vixilancia dos espazos públicos; policía administrativa, no relativo a ordenanzas e bandos e demais disposicións municipais; prevención da comisión de delitos; resolución de conflitos privados cando sexan requirida... Sería longo enumerar todas as funcións que no día a día realiza a Policía Local, por si mesmos ou en colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Son funcións das que en moitos casos nos esquecemos: dende a asistencia nun accidente á prestación de axuda a persoas de idade avanzada ou poñer un pouco de paz cando sufrimos a veciños ruidosos...
Santiago de Compostela conta cunha poboación de arredor de 100.000 persoas, e a estas debemos sumarlle os milleiros que todos os días veñen á cidade dende concellos limítrofes, a traballar ou a facer xestións: as mareas de xente saíndo da estación de tren dende primeira hora da mañá ou os eternos atascos nas entradas da cidade dan unha idea da ida e vida de persoas e vehículos.
En Santiago viven dende setembro a outubro varios milleiros de estudantes universitarios, e nos últimos anos o turismo ten medrado de forma vertixinosa ao longo de todo o ano, con picos que converten o casco histórico nun fervedoiro de paseantes entre maio e finais de setembro.
Cada un destes colectivos ten unhas demandas de seguridade e cada un destes colectivos é unha fonte de problemas: na prensa podemos atopar case todas as semanas dende as denuncias de actos incívicos a vandalismo, problemas de tráfico, ata problemas de convivencia, por non citar outras cuestións de orde público de maior gravidade.
A pregunta é simple, son 120 policías locais suficientes para exercer de forma correcta as funcións que teñen encomendadas e que a cidadanía esixe?. Cantos policías son en realidade 120 policías á hora de atender unha chamada ao 092, realizada un día calquera, a unha hora calquera do día ou da noite?.
Vou pedir que me sigades nunha serie de operacións matemáticas simples.
Do total de axentes cos que conte un corpo determinado un porcentaxe está dedicado a funcións de carácter administrativo, de dirección, organización ou planificación. O porcentaxe sobre o total varía dun concello a outro por diversas razóns: por exemplo en Vigo, segundo datos recollidos da prensa, o porcentaxe de policias que non “patrullan” é superior ao 20% do total. Imos supoñer que en Santiago esa porcentaxe é do 10%. Isto significa que dos 120 teriamos un total de 108 axentes dispoñibles para funcións de seguridade cidadá, co traballo suxeito a quendas de forma que estean cubertas as 24 horas do día os 7 días da semana.
Nos corpos policiais hai varios sistemas de organización, un dos posibles é a organización en 6 grupos de traballo que van rotando ao longo das quendas de mañá, tarde e noite. Cada unha destas quendas tería en Santiago un total de 18 axentes. Temos que ter en conta, para facernos unha idea real, que este é un número máximo, os policías tamén teñen vacacións, co cal, como mínimo, debemos descontar unha doceava parte (o mes de vacacións): teriamos que descontar 1,5 policías a cada quenda, 16,5, e aínda debemos descontar un porcentaxe por baixas médicas, que sendo optimistas podemos situar no 5% como media anual. O número de policías quedaría reducido a pouco mais de 15,675 por quenda...
Temos entón 15,675 policías, que imos redondear a 16. Destes, tres, como mínimo, teñen que estar de forma continua na xefatura: atención á cidadanía/porta de entrada, centraliña do 092 e un mando policial en funcións de coordinación. Quédannos 13 policías, dos cales outros dous, como mínimo tamén, estarán adscritos á unha unidade de atestados. Os que quedan para funcións puramente de seguridade cidadán son 11... Si pensamos que un porcentaxe do seu tempo o teñen que dedicar á elaboración de informes, posiblemente, e sendo optimistas, como media teremos dispoñibles 10 axentes en cada quenda para estar na “rúa”, é dicir 5 patrullas.
Si o meu razoamento é correcto a resposta a cantos policías son 120 policías é que, a nivel operativo, son 10...
Son suficientes 10 policías locais en Santiago de Compostela ao longo do día?. É verdade que, supoño, en momentos determinados a cativeza do cadro de persoal reforzase en base a servizos extraordinarios prestados por axentes que deberían estar descansando, quero pensar que isto acontece en determinas noites (xoves, venres e sábado), ante a celebración de eventos que congregan numeroso público (partidos de fútbol ou baloncesto, concertos), nas festas da Ascensión ou nas do Apostol ... Non estou seguro que sobrecargar de traballo ás persoas, sobre todo cando se fai de forma xa rutinaria, sexa a mellor solución: nin en cuestións de seguridade cidadán nin en ningunha outra cuestión.
Na miña opinión Santiago non conta cun número suficiente de policías locais, aínda sabendo que é unha cidade relativamente segura. A falta de presenza policial causada pola falta de efectivos impide unhas políticas de prevención do vandalismo e do incivismo que a cidadanía agradecería, ademais de aforrarnos ben de cartos e mellorar a convivencia cidadán. A falta de efectivos, que padece a Policía Local pero tamén a Policía Nacional, fai que a resposta antes calquera emerxencia poda demorarse mais da conta, e iso non se pode consentir, porque talvez non falemos dunha festa rachada nun piso, talvez estea en xogo a vida dunha persoa.
Centreime exclusivamente en números, porque creo que os números importan, pero son consciente que na esquerda está pendente un debate en profundidade sobre as políticas de seguridade, sobre os modelos policiais; sobre, falando en plata, a policía que a sociedade necesita. Moitas veces parece que unha boa parte da esquerda vive ancorada naqueles tempo, afortunadamente pasados, nos que se coreaban lemas como “Disolución dos corpos represivos” , todo un “hit parade” nos 70 e 80, ata quedar afónicos.
A sociedade esixe seguridade do mesmo xeito que esixe educación pública de calidade ou sanidade pública de calidade. Si a esquerda non é capaz de facer propostas realistas sobre seguridade pública as propostas van facelas outros... e xa vos aseguro que non nos van gustar.
Falo no artigo de Santiago de Compostela, pero creo que a nivel xeral o que nel se di é aplicable á dotación de efectivos nas policías locais das outras cidades e vilas galegas.