A pinga que colma o vaso

O 5 de febreiro de 1994, hai agora pouco máis de 30 anos, as lousas do mercado de Markale, na zona histórica de Sarajevo, tinxíronse de sangue. Entre os postos destrozados os corpos sen vida de 68 persoas, no ar os berros dos máis de 100 feridos. Uns segundos antes estoupara unha granada de morteiro disparada polo denominado Exército da República Srpska, unha extensión irregular do exército serbio. As potencias occidentais protestaron enerxicamente, e quedaron so niso: vehementes comunicados que eran unha mostra da súa falta de determinación á hora de frear a guerra en Bosnia.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 25/03/2024

Comparte esta noticia
O 28 de agosto de 1995, apenas ano e medio despois, as mesmas forzas irregulares serbias, unha cuadrilla de miserables mantóns, bombardearon novamente o mercado de Markale. Esta vez foron cinco granadas as que estouparon entre a xente que alí se reunira para proveerse da escasa comida que se podía atopar nunha cidade sitiada dende había mais de 3 anos. No chan do 43 persoas mortas, ducias máis feridas de gravidade.
 
Como meses antes, como tantas veces ao longo daquela guerra de exterminio, as potencias occidentais protestaron. Pero algo mudara. Case sempre, como na vida como no traballo, na política internacional hai unha pinga que colma o vaso.
 
O 30 de agosto ducias de avións da OTAN comezaron o bombardeo de posicións militares serbias. Durante tres semanas atacaron centenares de obxectivos. Na operación, denominada Deliberate Force participaron 15 países, entre eles España que aportou 8 caza-bombardeiros F-18 e 2  avións de transporte e abastecemento. Aqueles días pensei para min que o Exército español estaba onde tiña que estar, facendo o que tiña que facer.
 
O resultado da intervención foron os Acordos de Dayton que, cos seus claros e escuros, puxeron fin aos ataques á poboación civil e remataron co conflito militar. Os acordos non solucionaron todos os problemas, que aínda hoxe continúan, pero salvaron milleiros de vidas.
 
O pasado 28 de febreiro soldados israelies causaron a morte de máis de 100 persoas que agardaban algo da comida que chegaba nun convoi de axuda humanitaria. 
 
A resposta israelí aos ataques terroristas levados a cabo por Hamás ten superado calquera senso de proporcionalidade. O que hoxe está a facer Israel na Franxa de Gaza está nas antípodas da Razón e da Xustiza. A maldade dos terroristas nunca pode ser unha xustificación para maldades maiores.
 
Os 100 mortos do pasado 28 de febreiro son unha pinga de sangue no torrente de morte causado polos bombardeos indiscriminados que teñen por obxectivo á poboación civil, poboación indefensa, vítima duns e doutros, refén da tolería.
Os 100 mortos do 28 de febreiro, mulleres que o único que querían era algo co que alimentar aos seus fillos, fillos e fillas da man das súas nais cheos de medo, agarrados ás súas saias, pais desesperados ante a fame da súa familia, teñen que ser a pinga que colme a paciencia dos gobernos occidentais.
 
Cada conflito precisa dunha solución, dunhas accións, tendo en conta as condicións, as posibilidades. En Bosnia, en 1995, a intervención directa da OTAN era a única posibilidade real de actuar contra as matanzas. En Ucraína, dende hai máis de dous anos, o envío de armas e municións, o entrenamento de tropas, a información militar e as sancións económicas  son a forma de apoiar a loita dun pobo contra a agresión rusa, unha agresión que é tamén unha agresión á democracia . Hoxe as potencias occidentais teñen na súa man parar as accións criminais israelís: son necesarias, e imprescindibles, sancións económicas duras, o peche total das relacións comerciais, embargo de armas e repostos, conxelación de activos israelitas no estranxeiro... nin un euro, nin un dólar para pagar asasinos. As democracias non poden permitir a matanza de inocentes, as democracias non poden limitarse a comunicados de prensa.
 
Non é so pan o que precisa o pobo palestino. Precisa Paz, agora. Precisa Xustiza.
 
O enorme sufrimento do pobo xudeu causado polos nazis e polos réximes fascistas europeos, antes e durante a II Guerra Mundial, acelerou, concluída a confrontación, a creación do Estado de Israel. O fin da guerra tróuxonos tamén os Xuízos de Nuremberg nos que 24 xerarcas nazis foron xulgados, e na maioría de casos condenados.
 
O recoñecemento internacional do Estado palestino non pode facerse agardar. Igual que despois da II Guerra Mundial, igual que logo da guerra en Bosnia, os responsables dos crimes que hoxe se están cometendo en Palestina teñen que sentarse ante o Tribunal Penal Internacional para pagar polo que están facendo. O imperio da Lei precisa do un e do outro. A dignidade das nacións  democráticas tamén. 

Bandeiras de Israel e de Palestina nun enfrontamento na franxa de Gaza
Bandeiras de Israel e de Palestina nun enfrontamento na franxa de Gaza | Fonte: elconfidencialandalucia.com - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.