Todos podemos ser monecos nos que baten

Escoitar falar da noite do 9 ao 10 de novembro de 1938 non significará nada para unha maioría. So uns poucos serán capaces de poñerlle nome: a “Noite dos Cristais Rotos”, a “Kristallnacht” en alemán, tamén coñecida como o “Pogromo de Novembro”.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 08/02/2024

Comparte esta noticia
Durante horas, ante a pasividade das forzas policiais cando non coa súa complicidade, os membros das distintas organizacións nazis asaltaron e destruíron milleiros de negocios xudeus en ducias de cidades e vilas, entre a noite e a madrugada arrasando con máis de 250 sinagogas, asasinaron a 90 persoas.
 
O  acoso á poboación alemá de relixión xudía cociñárase a lume lento durante anos. Sobre a base do antisemitismo existente en boa parte do centro e do leste de Europa os nazis desenvolveron a súa estratexia de persecución dunha comunidade, á que fixeran responsable de todos os males. As leis de Núremberg aprobadas en setembro de 1935 so foran un paso de moitos.
 
Os xudeus eran presentados como animais: como ratas, como vermes. Eran presentados como unha infección no corpo da sociedade alemá, un cancro para a raza aria. Reducir aos xudeus a animais era un primeiro paso, necesario, imprescindible, na política de exterminio. Deshumanizar aos xudeus, tamén aos xitanos, tamén aos discapacitados, tamén aos homosexuais, era unha necesidade para facer asumible á sociedade todo o que logo viría.
 
Case todos identificaremos unha cruz ardendo á porta dunha igrexa como un símbolo de racismo, do supremacismo branco que foi máis habitual do que podamos pensar, e que subsiste nalgúns estados do Sur de Estados Unidos. Os membros do Ku Klux Klan e de outras moitas organizacións estadounidenses de carácter neonazi, negan a humanidade aos cidadáns afroamericanos, aos musulmáns, a calquera que non sexa como eles creen que se debe ser. Son monos, son animais, defenden sen rubor.
 
As cruces ardendo, os insultos, o desprezo son a antesala doutras cousas. En 2001 Thomas Blanch foi condeado a 37 anos de cadea pola súa participación no atentado de Birmingham (Alabama), ocorrido en 1963 no que asasinaron a catro nenas afroamericanas. En 2012 Dylan Roof, cheo de odio aos seus 22 anos, disparou indiscriminadamente contra unha igrexa en Charleston, matando a nove persoas (o grande crime que cometeran era ser persoas negras). En 2015 o neonazi Wade Michael Page matou a seis persoas nun tempo sij en Wisconsi, cegado polo odio. 
 
A Isaac Rabin, primeiro ministro israelí, matouno o 4 de novembro de 1995 un ultranacionalista xudeu. Rabin viña de participar nunha concentración de apoio aos Acordos de Oslo dos que fora promotor. Dende meses antes a dereita conservadora israelí, co criminal Benxamin Netaniahu á cabeza, tíñase dedicado a preparar o terreo para xustificar calquera acción contra aqueles que defendían os acordos de paz. As manifestación organizadas polo partido de Netaniahu representaban a Rabin co uniforme das SS, comparando aos laboristas cos nazis, o que se coreaba era: “Rabín asesino”, “Rabín traidor”.
 
As tácticas de Netaniahu, e os seus seguidores non cambiaron co transcorrer do tempo... perfeccionáronse. Os tanques na Franxa de Gaza son o paso seguinte a pregoar aos catro ventos que todos os palestinos, incluídos nenos e nenas, vellos e vellas, son terroristas. Sen dúbida o símbolo que mellor representaría hoxe  ao Likud e as forzas que o apoian é unha Estrela de David gamada. A socióloga franco-israelí Eva Illouz describe no seu libro “A vida emocional do populismo” (2023) todos os resortes que a extrema dereita israelita utiliza contra o pobo palestino e contra a propia esquerda israelí e por extensión contra todo aquel que se opoña ás políticas supremacistas e de exterminio.
 
A violencia case nunha xurde da nada. A violencia organizada sempre é precedida de actos de preparación, de xustificación.
 
Falamos de Alemaña nos anos 30 e 40 do século pasado, falamos de Estados Unidos, no que o extremismo racista rexurdiu con forza co apoio do expresidente Donald Trump, falamos de Israel... pero a deshumanización daquel que non comparte determinadas visións, que non comparte credo, raza, orientación sexual... tamén está entre nos.
 
Os tiros na caluga dos pistoleiros de ETA estaban precedidos de campañas de acusación sobre as que serían as vítimas, campañas destinadas a xustificar, ante a súa masa de acólitos os asasinatos. “Cipaio”, “Traidor”, “Delator” en grandes letras na porta da casa.. unha diana sobre o  nome pintada nas paredes do barrio ou vila comezaban a campaña. Dese acoso apenas daban conta os xornais. De como remataban si: un corpo tendido na rúa ou no chan dunha cafetería cuberto por unha saba con manchas de sangue. E moita xente xustificaría a morte co manido: “Algo faría”.
 
Vinicius Jr, xogador do Real Madrid; Vinicius Tanque, xogador do Baleares; Iñaki Williams, xogador do Athletic; Pape Diop, do Levante; Paulao, do Betis; Nyom, xogador do Granada; Alberto Quintero, do Cartaxena; Samuel Eto´o do Barcelona ou Wilfred Agbonavbare do Rayo; son algúns dos xogadores de 1º e 2º división de equipos españoles aos que en moitas ocasións os hooligans teñenlle berrado “mono!” dende as gradas, berros acompañados de xestos e sons simiescos.
 
A pregunta é: cando teñen ocasión, eses mesmos descerebrados que ocultos na masa lle berran “Mono!” a un xogador de 1ª, que goza de recoñecemento social e dunha posición económica envexable, como tratarán ás persoas de cor cando estas están nunha situación de inferioridade e tamén se podan agochar na impunidade do grupo?. 
 
Unha parte da sociedade normaliza o insulto a quen é diferente, a quen é distinto. O insulto é o comezo do proceso de deshumanización. Un primeiro paso, despois veñen outros. Estou seguro que Yoel Quispe, acoitelado ata a morte a noite do 24 de decembro pasado, escoitou unha cantas veces que se referiran a el como “sudaca”, seguro que algunhas veces o chamaron “sudaca de merda”... insultos preferidos por algún matón de tres ao cuarto, acompañado duns covardes e lerdos que lle rían a machotada.
 
Na derradeira noite de 2023, preto da sede do PSOE en Madrid, un grupo de energúmenos vinculados a organizacións de extrema dereita colgaron dun semáforo,  e logo bateron nel como si dunha piñata se tratara, un moneco caracterizado como o presidente do Goberno, Pedro Sánchez. Nos dias seguintes houbo certa polémica sobre si aqueles actos eran ou non un delito de odio. Sen entrar no debate xurídico sobre si é un delito de odio ou un delito de ameazas (por feitos semellantes ocorridos en 2020, colgar un moneco caracterizado como Santiago Abascal, o autor foi condenado a 8 meses de prisión por un delito de ameazas) o que non é xustificable é a posición mantida por partidos como Vox, de xustificación, ou mesmo do PP, de condena morna.
 
A violencia, aínda que sexa exercida de forma simbólica, a modo de brincadeira, non ten gracia ningunha. É a preparación do terreo para o que logo virá. 
 
Os discursos xenófobos, homófonos, misóxinos  e racistas de Ayuso (aos que Núñez Feijoó responde coa mellor das súas sonrisas bobaliconas) ou de Santiago Abascal , teñen unha relación directa co incremento de actos de violencia contra homosexuais, inmigrantes, poboación de orixe africano ou asiático... Os discursos sustentados en mentiras, coa pretensión de fomentar o medo, a discriminación, as declaracións que animalizan a quen é diferente, en boca de aqueles que ostentan postos de goberno ou de representación política, non poden ser banalizados. 
 
Combater os discursos extremistas, combater calquera acto que signifique unha normalización de calquera forma de violencia é unha obriga democrática. Ningún insulto racista pode quedar sen resposta, ningunha acción discriminatoria ou que promova ou xustifique a violencia pode quedar impune. Non so é necesaria a acción dos xuíces, da fiscalía ou da policía, é necesaria a acción cidadán.
 
Estes días en Alemaña milleiros de manifestantes convocados pola coalición cívica “Tomados da man” mostran nas prazas e nas rúas a súa repulsa contra as iniciativas xenófobas promovidas pola Alternativa para Alemaña, o partido alemán socio de Vox. Tamén aquí debemos prepararnos para parar á extrema dereita, para parar aos socios do Partido Popular, con quenes comparten gobernos e odios.
 

Bandeiras de Israel e de Palestina nun enfrontamento na franxa de Gaza
Bandeiras de Israel e de Palestina nun enfrontamento na franxa de Gaza | Fonte: elconfidencialandalucia.com - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.