Desvencellados e desarraigados

No febreiro pasado, El Diario.es publicaba un artigo defendendo cortar cos propios pais. Ao día seguinte, o 17, Javier P. Martín no País falaba de dar rematado co mito dos amigos para sempre (calquera diría que eses foran os tremendos riscos do 2024). Prescindimos de si os autores só describen ou ademais propoñen; en todo caso, ambos reflicten unha tendencia aos vínculos interpersoais febles, tendencia xa vella nos países máis adiantados.

Por A.C. Pereira-Menaut | Compostela | 20/09/2024

Comparte esta noticia
En The End of the Battle, Evelyn Waugh fala, como unha novidade, de que en Inglaterra os divorciados quedasen despois en relacións amigables e disque xa estaba a pasar nos USA. Era 1943; despois viría “the lonely crowd” (xentío, pero solitario; Riesman, 1950), Eleanor Rigby e all the lonely people dos Beatles (1966). Aquelo, na altura, parecíannos rarezas de anglos e suecos pero hoxe nós temos epidemia de soidade, velliños nas residencias sen ver fillo nin neto ningún, psicólogos e psiquiatras atafegadísimos, e, o último grito, os suicidios.
 
Temos xente aillada, submisa, volátil, dependente dos protocolos dos expertos para todo; sen máis reigaños que o Globish, a tecnoloxía e unha boa nómina en calquera lugar do globo.
É que esta crise é non só a máis seria da historia senón diferente. É particularmente intratable porque moitos destes problemas non se derivan de grandes e claras inxustizas (que tamén) nin de decisións inmorais deliberadas (tamén), nin de cousas tan malas que as vexa calquera, senón da vida mesma na súa actual versión postmoderna, posthumana e postcristiana.
 
Derívanse dunha cousa inédita: moreas de xente boa facendo o mal sen querelo ou, polo menos, sen velo. Derívanse de causas estruturais, invisibles de entrada, indiscutidas como a paisaxe ou o chan que pisas: esta economía, esta tecnoloxía, estas comunicacións, estes traballos, esta competitividade, esta educación. Teñen moitas cousas boas, pero íllannos, sométennos e centrifúgannos. Moita xente do común é riquiña e máis boa que mala, e non gosta deses efectos, pero como non busca as causas, non tenta contrarrestalos. Aínda sendo un dos peores problemas de hoxe, non ven nada malo porque moitas veces non se trata dun comportamento a priori inmoral ou inxusto. É algo malo ter un móbil? Non. E buscar traballo en Indonesia? Tampouco. Pero cando te dás conta, a suma desa toleira de desenvolvementos tecno-económicos descarrilados mudou até a paisaxe. A crise actual é así de rápida: cando te das de conta, non hai burricáns; xa van alá decenios que non vexo un, non sendo que vaia á Toxa. 
 
Pero, noutro terreo, é que cando te decatas, tampouco hai movemento obreiro, nin rebeldía estudantil, que estaban aí desde que naciamos. Como para os mozos de agora esas cousas son historia, dificilmente aspirarán a ser críticos nin rebeldes; menos aínda, idealistas: "segundo sexan as túas notas, así será a túa nómina", dicía un rapaz de 17 anos a outro.
Cando te decatas, volveuse moi difícil facer amigos. E deles, poucos serán "amigos para sempre, amigos de verdade" como os dos Manolos. Hoxe non vas a unha casa sen aviso e planificación (non vas moito a ningunha casa, en realidade). Os teus parentes igual están a traballar nas antípodas, ou, por acaso, nunha despedida de solteira en Malta. Poucas relacións humanas indestrutibles quedan, como as da madriña da miña muller: sempre se terían a unha á outra, até a morte, como así foi. E falando de morrer, antes, poucos vellos morrían sós. As cancións de moda no século pasado dínnos moito daquela antropoloxía. Propuñan un norte moi humano, cheo de vinculacións e raiceiras: “Alma, corazón y vida”, “Solamente unha vez”. Había mil problemas e dez mil inxustizas pero aquel mundo, o noso mundo, non era un pito sen cabeza, moi especialmente na Galicia.
 
O enfraquecemento dos vínculos sociais págase, e ben cedo: “estamos a quedarnos sen sociedade” (J. Mosquera). Dicimos que moita xente boa non fai moito por contrarrestar estes problemas porque non os ven ou non lles parecen nada de particular. Moitos bos pais inconscientemente educan aos seus fillos para que sexan homes “light” e, polo tanto, indirectamente, para que teñan unhas relacións lixeiras, centrifugadoras ou xa centrifugadas e con poucas raíces. Xa se crearán ministerios da soidade e centros de escoita telefónica. Este sistema político, esta economía, son o que hai e basicamente están ben; hai que ir onde están os traballos, á Antártida se cadra, e si non formas unha familia, mala sorte, hoxe éche moi difícil; é o que hai, filla; non te vas ir vivir cos Amish nin ao curuto dos Ancares.
 
A verdade é que sería mellor non usar (ou moderar moitísimo) unhas tecnoloxías a longo prazo desvinculadoras e desarraigadoras pero o que non o ve non o contrarrestará; nin o tentará. Quedamos, logo, coa rapidez, comodidade e seguridade que o dixital nos ofrece; até o colesterol dínolo o móbil, e todo con só un click mesmo dende unha praia, sexa Silgar, aquí pertiño, ou unha do Caribe. Esta xeración, que até para estornudar depende do estado, de Google e dos expertos da OMS, di aos seus fillos e educandos: non dependades de ninguén, case nin da familia; non vos involucredes. Coma se na sociedade actual houbera máis risco diso que de soidade, depresión e suicidio. 
 
A causa profunda non está nas nosas actitudes (as de moita xente corrente) senón na economía e a tecnoloxía que as provocan e as configuran, pero o bonus paterfamilias de hoxe non ataca as raíces. 
 
Isto non é un problema relixioso. Peor: é un problema humano moi serio. Pero, con todo, malo será: filosofía providencialista, ironía universitaria e guerra ao pito sen cabeza na nosa contorna. Como? A base de falar, ler, escribir e pensar con familia e amigos.

Un neno usa o teléfono móbil e unha tablet
Un neno usa o teléfono móbil e unha tablet | Fonte: Eduardo Parra - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antonio Carlos Pereira-Menaut É Catedrático de Dereito Constitucional na USC. Tamén é director da Cátedra Jean Monnet de Dereito Constitucional europeo.Ocupouse de Teoría Política, Teoría Constitucional, Constitucionalismo Comparado (sobre todo, inglés), e Federalismo, Autonomía e organización territorial. É un gran coñecedor do proceso de constitucionalización da Unión Europea.