Onde hai un exército, raro é que non haxa un estado. A integración europea naceu para coordinar e superar os estados, que tantas guerras fixeran; non para facer un estado novo pero maior. Có tempo, na UE vai xerándose estatismo abondo, pero militarizarse sería un salto cualitativo. Persoalmente, amilágrame ver xente boa, razoábel e culta que, có gallo da Ucraína, súmase ledamente ao coro dos que piden embarcarnos nun brutal gasto militar para un exército europeo.
Primeiro: iso sería unha mutación constitucional da UE, cuxos obxectivos son a paz e o benestar (art. 3,1 e 5 do Tratado da Unión Europea). Non se debería facer sen reformar os Tratados. O artigo 3 é un dos artigos fundantes; o 42, que non é tal, contempla posibles políticas de defensa para misións concretas e cooperacións reforzadas entre os estados que queiran. Pero iso non é un exército europeo permanente. No plan que está agora a UE, un gran exército daríame un arrepío; case máis que o que da o Putin, que dubido que pense vir nunca por aquí. A vicepresidenta europea Kaja Kallas, de Estonia (un millón de habitantes), dixo que habería que dividir Rusia en pequenos estados (despois de derrotala, claro). Non é iso xogar có lume? Como diciamos antes, en que mans está o pandeiro? Imaxinemos un escenario no que Biden tivera varios anos por diante e engadamos unha UE no plan belicista de hai ben poucos meses pero xa cun podente exército: non podería estourar unha guerra mundial? En cambio, adicaríase ese exército europeo a deter o xenocidio de Gaza?
Segundo, haberá unha brutal subida dos impostos; supoño que de isto non hai moita dúbida. E subirán por riba dos actuais, que xa nos afogan abondo, dando outra volta de parafuso á depauperación das clases medias. Queremos iso?
Terceiro, con ese exército, a quen pensan facer fronte? A os USA? Non. A China? Tampouco. Están a pensar na Rusia, que non é un perigo real porque non ten interese máis que no seu antigo patio traseiro. Ten un territorio como 35 Españas cunha ridícula densidade de poboación de 8 habitantes por km2 e a xente moi envellecida. A quen de nós vai invadir, se mesmo a Ucraína se lles atragantou? A UE, Biden e a OTAN fomentaron a guerra (o que non quita culpa ningunha ao invasor, pero é que culpas, hai para todos). Fartáronse de facer declaracións provocadoras; para non esmentar ao lamentable Biden, permitindo usar os misís americanos contra Rusia xa despois das eleccións. Primeiro fomentan a guerra, despois, non fan nada serio pola paz e finalmente conclúen que precisamos un exército, non sexa que un día Putin nos invada. Vivimos en plena suspensión do raciocinio. No 2017 houbo xente normal e razoable que estaba preocupada por se ían vir soldados rusos a Cataluña. Hoxe, teño amigos ilustrados e progresistas (os máis belicistas, precisamente) que din: “lémbrate de Hitler; lémbrate de que un simple arribista corso, hai 200 anos, invadiunos”.
Cuarto, en que mans vai estar ese exército? Nas da Úrsula, que non para de acumular poder e pisar competencias dos estados? Nas da vicepresidenta Kallas, que é de supoñer que sabía o que dicía? É crible que quen di iso teime realmente pola paz?
Pódese acusar ao vicepresidente James Vance de deslinguado polas poucas formas do seu discurso en Munich pero no fondo, razón non lle falta. Unha oligarquía pouco democrática, que non responde ante ninguén e que cada día curta máis a liberdade de expresión, sen importarlles que o euroescepticismo non pare de medrar e sen preguntarse pola causa. Teiman en impoñer o que a xente ordinaria detesta (inmigración total, acabar có automóbil europeo, etc.). Aí están as eleccións xermanas: cun 21 % de votos para a AfD non se preguntan o por que; só lles preocupa cómo pecharlle o paso. Para os problemas europeos de raíz interna que Vance denunciou —os máis importantes—, o exército non servirá de moito. Servirá, en cambio, para asegurármonos non quedar fora da terceira guerra mundial, se a houbera.
O caso español é particularmente interesante: todos semellan entusiasmados coa idea; sen importar que no século XX España fixera moi ben en non entrar nas guerras mundiais. Pero non poden ignorar que nese exército mandarán os de sempre e que España será un subordinado de pouco peso. Será que cando se trata de Europa, España amosa instintos de submisión?