Adeus, esquerda

De súpeto, non hai clase baixa. Polo visto, abonda con ingresar 11.400 euros anuais brutos para non pertencer a ela, e con subir dos 30.500 para pertencer á clase alta.

Por A.C. Pereira-Menaut | Compostela | 28/10/2024

Comparte esta noticia
Así que non hai clase obreira, nin proletariado, nin explotación; só minorías agraviadas, cada unha coa súa proliferante e divisiva identidade. Que queda, entón, do obreirismo? O traballo mesmo, tal e como o coñecíamos—artesanal, agrario, industrial— está en risco coa IA (xa o estaba antes, en realidade). A máis de pecharse negocios, desaparecen algunhas profesións. Cada día, unha libreiría menos ou un xubilado que deixa un oficio, mesmo que sexa facer boas empanadillas, e ninguén colle o facho.
 
E a defensa desas minorías ofendidas ten unha particularidade: non ameaza ao poder público, a Davos, ao turbo-capitalismo financeiro nin ao establishment global. Ao contrario: como ten que ser feita polos poderes públicos (e canto máis supranacionais, mellor), os mainstream media, o wokeismo e GAFA (Google, Amazon, Facebook, Apple), esa defensa reforza ao poder e diminúa a liberdade (p. ex., de expresión). Porque defender a esas minorías implica enfrontarse non ao poder (dimensión vertical, cidadáns fronte a poder) senón aos outros sectores sociais (dimensión horizontal, cidadáns fronte a cidadáns).
 
Adeus, esquerda, adeus, marxismo; adeus, loita de clases, agora substituída pola loita das minorías ofendidas, a ideoloxía de xénero e os wokeismos diversos.
 
Entón, que? Se non hai materialismo, dialéctica hegeliana, explotación, apropiación da plusvalía nin loita de clases, non haberá auténtico marxismo. Haberá outras cousas, mellores ou peores, pero diferentes. Menos materialista que a ideoloxía de xénero, que pasa da materia —a crúa bioloxía— fronte á auto-percepción ou a preferencia individual, poucas posturas haberá.
 
Como nos pasa a moitos, unha metade da miña familia e amigos non para de falar da ameaza do comunismo, o marxismo e o neomarxismo (a outra metade non para co fascismo e o trumpismo). Respóndolles que se coñecen algún comunista de verdade, un exemplar dunha especie a extinguir, que seguramente buscará algo máis que o seu propio proveito, me faga unha foto con el. Non coqueteei co marxismo nin durante a acne xuvenil nin desexo que se implante réxime marxista ningún pero —á parte de ser imposible— é que a guerra de hoxe é outra. O que ocorre hoxe é que, polo menos tendencialmente, xa non hai explotados porque ata o repartidor de pizzas é dono do seu medio de produción (a súa bici, xeralmente mala) ou polo menos, iso fainos crer este mundo no que tanto o progresismo como a ultimísima dereita asegúrannos que todo está ben e non hai alternativa e que coidado co populismo. Como di Michael Hudson, o 4 de xullo pasado, en Inglaterra ,un partido neoliberal e belicista derrotou a... outro partido neoliberal e belicista. A actual esquerda céntrase nos trans, o aborto, o woke e demais, deixa que o feminismo sexa opacado pola ideoloxía de xénero e non parece moi incómoda coa autoexplotación do ciclista das pizzas, nin tampouco coas pagas miserables que consolidan unha desigualdade nunca vista (propiamente non a consolidan porque non para de medrar).
 
Déixenme contar algo persoal. En 1983 o meu irmán Gerardo —historiador rigoroso, marxista de libro; en paz descanse— quixo coñecer a don Álvaro d'Ors, que nos recibiu encantado en Carballedo. Don Álvaro amosou cero entusiasmo pola OTAN porque nunca apoiaría a España diante os seus riscos reais (ou sexa, non a URSS senón o norte de África) e dixo que se identificaba máis ben con Breznev e compañía, "vellos como eu", sinalou con humor aínda que el, de aquela, non fose vello. Dixo tamén que para nós a ameaza real e de fondo xa non era o comunismo senón o consumismo. Gerardo esperaba atopar un grande universitario, por descontado, pero carca, retrógrado e pouco flexible: non esperaba un recibimento tan extraordinariamente amigable nin, aínda menos, esas respostas. Deixemos agora que don Álvaro d'Ors estaba de volta cando os demais nin comezásemos a ida, pertencía a outro mundo europeo e era excepcionalmente intelixente. As súas respostas, xa en 1983, ían alén do convencionalismo dereita/esquerda.
 
Deste xeito, síntoo moito, pero eu diría que non hai auténtica esquerda hoxe por esta banda; de pouco vale coller a etiqueta e retorcela, inflala, deformala nin estirala ad infinitum. Os conceptos non son gomas de mascar. E ata mesmo as gomas de mascar rachan cando se se estiran demasiado. O Economist publicara "The Left's resignation note" en 2008.

Karl Marx
Karl Marx | Fonte: BBC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antonio Carlos Pereira-Menaut É Catedrático de Dereito Constitucional na USC. Tamén é director da Cátedra Jean Monnet de Dereito Constitucional europeo.Ocupouse de Teoría Política, Teoría Constitucional, Constitucionalismo Comparado (sobre todo, inglés), e Federalismo, Autonomía e organización territorial. É un gran coñecedor do proceso de constitucionalización da Unión Europea.