Expaña, submisa. E Galicia?

Coincidín hai pouco, nunha actividade académica, con varias persoas relacionadas co exército. Falaban del orgullosamente, coma se fose herdeiro directo dos Tercios de Flandes. Nada que obxectar; á parte de ser o normal nesa profesión, cada quén enorgullécese do que desexa.

Por A.C. Pereira-Menaut | Compostela | 06/02/2024

Comparte esta noticia
Na conversa informal, moi amistosa, saíu o tema da actitude de submisión, xeneralizada hoxe na España. Un dos asistentes, dos máis novos, deplorouna, como todos, pero engadiu que “é o que hai” e que historicamente sempre fora así. Como se compaxina iso con Tercios, Hernán Cortés e o Alcalde de Móstoles, ignóroo, pero a innegable difusión desa actitude é un verdadeiro parteaugas a estudar polos futuros historiadores da identidade española. Máis precisamente, xa non estamos no parteaugas senón da outra banda. E non é un cambio menor; é un paso de ecuador.
 
Onte, a imaxe dos españois, dentro e fóra, era a de feros e ingobernables. Hoxe os que se rebelan son os agricultores alemáns e franceses: hoxe soterramos aquel mito (que tampouco era tal ao 100%) e substituímolo por outro, o hispano submiso case por segunda natureza. E os mitos quedan aí, pasan a darse por supostos e aliméntannos. Ao interiorizalos, os xenes españois mutan; pásase un Rubicón, pásase de España, co bo e o malo, a Expaña, igualmente boa ou mala, pero outra. A interiorización de que somos así —mesmo retroactivamente: sempre fomos así— é anestesiante. A primeira servidume é sempre mental e voluntaria. En boa medida España xa é outra e os españois, antropolóxicamente outros. E o seu exército, cada día máis semellante a unha gran policía ou unha super-ONG. En Bosnia deixou un moi bo recordo, como o que deixaría unha boa ONG, non un tercio de Flandes.
 
Cando se xerou a submisión? Espiñenta cuestión. Posiblemente foi un proceso entre —poñamos— fins dos oitenta e a crise de 2008. Nalgún momento os españois escomezaron a interiorizar e facer súas as visións oficiais, e có tempo teñen as súas mentes colleitas, e senten o que lles din que sintan. A entrada na UE fíxose en réxime de subordinación e así segue: "se estamos ás maduras temos que estar ás duras, obedecer e rendirlles contas". Os resistencialismos fracasados (á OTAN, á desindustrialización, á deslocalización) deixaron unha resignación estéril, "ferrolá". Na mesma liña submisoria abundaron o incesante control e regulación de toda vida, social, profesional e ata persoal; a nudez do individuo sen vencellos interpersoais fortes, o “homo tantum” de Agamben...
 
A época do IBEX 35 e as grandes privatizacións —outro parteaugas, co seu novo capitalismo—, acabou coa anterior relación empregador-empregado, cós seus toques paternalísticos. Súmese o paro sistémico, o maior da UE, pois xa que logo o home illado e sen traballo é máis débil. A xente interiorizou actitudes de súbdito diante da lei (“a lei é a lei e é para cumprila”), do poder, da policía, dos impostos. O Estado de Dereito xa non é o noso escudo fronte ao estado senón unha arma do Estado; xa ninguén o entende doutra maneira. Cando nolo mandaron, autoconfinámonos e vacinámonos con poucas protestas. Os Indignados acabaron dixeridos polo sistema, vía Podemos. As universidades deixan de xerar rebeldía. A hipersexualización non fomenta heroes. A desaparición de Deus da visión pública tirou cós freos morais: excelente, pensan algúns. Pero é que tamén llos retirou ao poder. Se Deus non existe todo lle está permitido (Dostoievski)... a quen ten o poder. Mesmo a constitución e a democracia, versión española, redundaron en canalizar e reducir todo desacordo ao que cabe no curro constitucional: se estamos nunha democracia avanzada haberá que ser bo cidadán, cumpridor e non discutidor. O bó cidadán cumpre as leis, paga os impostos, respecta os 120 kms/h e non pasa o semáforo roxo ainda que non haxa coches ás 3 da madrugada.
 
O caso galego ten ou seu aquel. Galicia non era moi rebelde politicamente pero era distante. De entrada e mesmo inconscientemente, os galegos profesabamos un escepticismo cara todo ou que fora oficial; unha desconfianza, un distanciamento, un descrer por principio, xunto cun fondo coñecemento da natureza humana. Era algo así como cando unha persoa se sometera por de fora pero nunca entrega o seu corazón ou unha especie de “doublethink”: oficialmente digo o mandado pero se non me ven, fago outra cousa; "Os que Mandan", mandan, pero a miña mente non a teñen (por certo que "mentecato" é "mente captus"). Todo iso sucedía cunha notoria desmobilización política, a tradicional abstención electoral, sempre moi superior á media española. Nalgún intre dos 80s-90s Galicia «politízase» (digamos) e incorpórase ao torrente circulatorio da vida política pero non polo rego dun marco político galego, con referencias, argumentos ou institucións galegos, senón basicamente españois (non fora así en Euskadi nin en Cataluña). Nunca a xente nesta terra crera —antes dese ingreso na escena política— que "a lei é a lei", e se alguén o dicía non o cría. Xamais a xente identificárase antes coa policía, por exemplo. Un escepticismo difuso bañaba todo.
 
Toda esa saúde mental, ese sentidiño crítico e esa liberdade interior diminuíu ou perdeuse (só en parte; aínda non somos idénticos). Fíxose "guai" e moderno ser cumpridor e sentirse plenamente parte do que pasa na escea española. O habelencioso abuso político da selección española españolizou máis aos galegos e meteu as bandeiras españolas ata na sopa máis do que nin Franco soñaría.
 

Bandeiras galegas
Bandeiras galegas | Fonte: Mónica Fragueiro Carrera, meninheira
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antonio Carlos Pereira-Menaut É Catedrático de Dereito Constitucional na USC. Tamén é director da Cátedra Jean Monnet de Dereito Constitucional europeo.Ocupouse de Teoría Política, Teoría Constitucional, Constitucionalismo Comparado (sobre todo, inglés), e Federalismo, Autonomía e organización territorial. É un gran coñecedor do proceso de constitucionalización da Unión Europea.