Eu subliñaría un aspecto —o cambio nas circunstancias de 1978 a 2023— e lembraría un requisito previo a toda reforma territorial seria: a independencia de Madrid.
Imos ao primeiro. España, a pesares da súa longa historia, nunca foi quén de amañar os seus problemas territoriais. Amañou outros, como a cuestión dinástica, pero pasan os séculos e non da amañado este. Ten posto parches ocasionais, e algún non malo (1978), pero as vellas feridas non dan cicatrizado e ata ábrense feridas novas antes inexistentes ou menores.
Pouco ten 2023 en común con 1978: a UE, a desindustrialización, o IBEX 35, a globalización, Black Rock... Velaí dous fenómenos completamente novos e relacionados: a España Baleirada e máis o Gran Madrid, co 13% da poboación (da nova, non menos do 25), o 73 % do investimento estranxeiro directo en 2021 e o 20% do PIB español (e medrando). É unha novidade radical, sen precedentes: compárense eses datos cós de 1975, último ano de ditadura expresamente centralista. E precisamente porque o eterno problema territorial ten agora un novo rostro —España Baleirada, Madrid é España e España é Madrid, Teruel Existe, etc.—, é particularmente acaído discutir isto con toda a frialdade posible (algunha máis que en Madrid, espero). Eses dous fenómenos non farán máis que aumentar a desvertebración de España, xa vella de orixe pero que ultimamente medrou moito, e medrará máis. Madrid xera desvertebración territorial, desigualdade e desfeita ecolóxica.
Pisemos terra: agás falar inglés, obedecer a Bruxelas, poñer o 024 para os suicidas e distribuír gardas civís virtuais nas zonas despoboadas, España non parece ter moito proxecto nacional. Nada de iso vertebrará a España. Pola contra, Madrid ten un proxecto, e vibrante como a súa Presidenta: xogar na Champions das urbes mundiais, ser a Miami de Europa e residencia de elites hispanofalantes, seguir a medrar en riqueza e poboación sen límites previsíbeis. Se Lugo, por poñer, baléirase e empobrécese, a Madrid non lle importa moito, e non por mal senón, simplemente, por non pensar en Lugo. Se a universidade pública non vai moi ben, tampouco lle importa demasiado; non por nada, senón porque os fillos das elites madrileñas estudarán nos USA. Ou ben consideremos o ben común, eterna xustificación anti-periférica: cun proxecto de megalópole que despega limpamente de España, particularista e insolidario nos feitos, cre alguén que Madrid custodia o ben común? En serio?
Esa percepción negativa da diferencia de Madrid xa non é só especulación de radicais periféricos: unha das eivas da Ayuso para ser presidenta de España é o arrepío que suscitaría fora de Madrid.
Suxiro logo ao Lehendakari artellar un plan para (case) todos: unha confederación de todos sen Madrid. Unha mostra da madurez do nacionalismo catalán, antes, era ter un plan para toda España: ou sexa, como organizaría Cataluña a España se a deixaran. Agora, xuntémonos as nacionalidades históricas, os antigos reinos e máis Andalucía e fagamos un plan sobre España e mesmo sobre a UE. Para que non exclúa a ninguén, dende o máis nacionalista ao menos, ese plan non marcaría un chan nin unhas institucións idénticas senón, simplemente, un teito: todos os confederados deberían estar baixo ese teito competencial —moi alto, porque ao estado español actual, nin independente nin soberano, sóbralle a metade das súas competencias—; todos sen exército; todos con potestade tributaria orixinaria excepto en IVE e aranceis; todos aplicando directamente as directivas da UE. Non todas as comunidades autónomas quererían o máximo de competencias, pero a decisión sería súa: sexamos liberais (literalmente), cada camiñante siga o seu camiño. E como en 2023 (por non dicir 2033) os prexudicados pola Expaña/Madrid —a do IBEX 35, o Palco do Bernabeu e a praia con surf— son moitos, a todos deberiamos dirixirnos.
Hoxendía, témome que o futuro previsible de España sexa irrelevancia/disolución na UE, e o de Madrid, autoafirmación/proxección global. España auto-amortízase, xa é “un protectorado alemán que tolea por falar inglés”; xa pesa en certos respectos menos do que Marrocos. E iso non cambiaría nada aínda que todos os cataláns viraran centralistas e do Real Madrid; aínda que mañá o Gran Madrid rivalice con Londres.
Ironías do destino: onte “rompeolas de todas las Españas”, hoxe axente da desvertebración española, Madrid colle rumbo cara a unha especie de Singapur. Como sempre, aproveitemos a cara boa: o despegue total de Madrid facilitaría o autogoberno substancial que quere Urkullu, sen por iso rachar todo vencello entre veciños.
Isabel Ayuso, fainos un favor a todos: declara canto antes a independencia de Madrid.