Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2021 | Actualizada ás 15:12
Galicia pechou 2020 coa débeda pública no 19,9% do produto interior bruto (PIB), case un punto por encima do dato rexistrado no terceiro trimestre (estaba no 19,1%), incremento que a Xunta atribúe ao combate da crise da covid. Desta forma, a Consellería de Facenda reivindica que a comunidade terminou o ano cun diferencial de débeda coa media autonómica de 7,2 puntos (está no 27,1%), e engade que "mantén o máximo histórico".
As cifras de débeda segundo o protocolo de déficit excesivo que publica este mércores o Banco de España sitúan a Galicia como a terceira comunidade do réxime común con menor endebedamento de toda España. En canto á evolución do volume de débeda, a do conxunto das comunidades situouse en 303.622 millóns, dos cales o 3,8% (11.538 millóns) correspóndense con Galicia.
Facenda destaca que é a comunidade con menor aumento de volume desde 2008, e chama a atención sobre a redución nos últimos exercicios, que fai que "estea nunha mellor posición financeira para responder as esixencias económicas derivadas dos efectos negativos do coronavirus e para poder seguir combatendo a pandemia, impulsar a reactivación económica e atender as necesidades das familias, pemes e autónomos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.