O 061 pide "precaución" a condutores durante os festivos de Semana Santa

Urxencias asistiu durante a Semana Santa de 2020 a nove persoas debido a oito accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2021 | Actualizada ás 17:09

Comparte esta noticia

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 pide a condutores "prudencia" durante os desprazamentos nas datas festivas desta semana Santa, na que está vixente o peche perimetral da Comunidade galega pola pandemia da Covid-19.

Nun comunicado de prensa, o 061 incidiu en que cando se produce un accidente de tráfico "a persoa que se atopa no lugar do sinistro pode ser de gran utilidade", engade, "facilitando ao 061 toda a información relevante e seguindo as indicacións transmitidas polo persoal sanitario da Central de Coordinación".

Con todo, lembra que "nunca" se debe "pór en perigo a propia vida", polo que, subliña, antes de atender aos accidentados "hai que adoptar as medidas de seguridade adecuadas" para "evitar novos accidentes". Así mesmo, "e salvo que haxa perigo de incendio ou novas colisións", puntualiza o 061, "non se debe mover ningún ferido, xa que poderían agravarse as súas lesións", avisa.

DATOS 2020

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a Semana Santa de 2020, na que estaba en vigor o confinamento domiciliario pola pandemia da Covid-19, a nove persoas debido a oito accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprendeu desde as 15,00 horas do mércores 8 de abril ata as 23,59 horas do domingo 12. O día que rexistrou máis incidentes foi o sábado con catro sinistros de tráfico.

En canto á Semana Santa de 2019, na que non había medidas restritivas de mobilidade, o 061 asistiu a 67 persoas debido a 56 accidentes de tráfico ocorridos na rede viaria galega entre as 15,00 horas do mércores 18 de abril ás 23,59 horas do domingo 21. Nese ano o maior número de atencións por sinistros tivo lugar o sábado, con 21.

Ambulancia do 061. 061-GALICIA - Arquivo
Ambulancia do 061. 061-GALICIA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta