Paleodieta, unha moda que científicos consideran un engano

Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela presentan os resultados dun estudo que alerta de que a chamada “dieta paleo” ten unha alta pegada de carbono, é cara e non é nutricionalmente adecuada. Este patrón alimentario, popular nas redes sociais, non conseguiu consenso científico para ser recomendado.

Por Alberto Quian | Madrid | 06/04/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Unha dieta paleo é un plan nutricional baseado en alimentos silvestres como os que, supostamente, consumían os humanos na era paleolítica, que abarca desde hai aproximadamente 2,5 millóns de anos ata finais da última era glaciar, ao redor de 10.000 anos atrás.

Representación no Museo Nacional de China da vida dos cavernícolas no Paleolítico
Representación no Museo Nacional de China da vida dos cavernícolas no Paleolítico | Fonte: Gary Todd - Flickr.

Tamén coñecida como paleodieta, dieta dos homes das cavernas ou da Idade da Pedra, esta adoita incluír carnes, peixes, mariscos, froitas, verduras, ovos, froitos secos e sementes, alimentos que no pasado se obtiñan mediante a caza e a recolección. A dieta paleo evita alimentos que se volveron comúns cando xurdiron a agricultura e a gandaría, hai uns 10.000 anos, como produtos lácteos, legumes, cereais, fariña, sal, azucre, aceites refinados ou os actuais alimentos procesados.

A paleodieta consistiría, polo tanto, en emular os hábitos alimentarios dos grupos de cazadores-recolectores antes da chegada da agricultura e da gandaría. E está de moda agora, en pleno século XXI, popularizada a través das redes sociais, aínda que existen voces científicas e médicas críticas con este patrón nutricional restritivo polos seus efectos na saúde. Pero tamén hai outros motivos para cuestionalo: o económico e o ambiental.

“A paleodieta ten maior pegada de carbono, non é asumíbel para os consumidores con ingresos baixos e non é nutricionalmente adecuada en termos de perfil calórico e lipídico”

Científicos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) achegan agora máis datos e argumentos que cuestionan as presuntas vantaxes desta dieta inspirada en supostos hábitos alimentarios dos humanos durante o Paleolítico.

“A paleodieta ten unha maior pegada de carbono, non é asumíbel para os consumidores con ingresos baixos e non é nutricionalmente adecuada en termos de perfil calórico e lipídico”. Esta é a principal conclusión do estudo que veñen de publicar investigadores do Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC na revista científica Science of the Total Environment.

Os autores compararon a dieta paleo coa mediterránea, coa atlántica característica de Galicia e Portugal, e coas directrices dietéticas da Estratexia para a Nutrición, Actividade Física e Prevención da Obesidade (NAOS) en España. Para iso, avaliaron indicadores económicos, nutricionais e ambientais.

Os seus resultados indican que “a dieta paleo pode considerarse unha opción dietética cara e cun efecto significativo sobre as emisións de gases de efecto invernadoiro”.

“O peixe, o marisco e os produtos cárnicos son os maiores emisores de dióxido de carbono na dieta paleo, aínda que o seu consumo diario per cápita medio non é tan significativo como o doutras categorías de alimentos, como froitas ou verduras. Ademais, aínda que as froitas e verduras se asocian a unha mellor saúde na vida adulta, os grupos de alimentos con maior pegada de carbono (carne vermella, peixe, marisco e aves) tamén se asociaron con maiores aumentos de enfermidades relacionadas coa dieta”, explican os autores do estudo.

“Os altos niveis de colesterol e ácido eicosapentaenoico na dieta paleo poden causar efectos negativos na saúde, aumentando o risco de cancro e enfermidades cardiovasculares”

En canto ao perfil nutricional, destacan que “a dieta paleo é rica en graxas, proteínas e ácidos graxos poliinsaturados, e restrinxe os hidratos de carbono, o que leva a perder peso e mellorar o desenvolvemento muscular”. Porén, advirten, “os altos niveis de colesterol e ácido eicosapentaenoico na dieta paleo poden causar efectos negativos na saúde, aumentando o risco de cancro e enfermidades cardiovasculares”.

Ao comparar os indicadores nutricionais, ambientais e económicos da paleodieta cos das dietas mediterránea, atlántica e NAOS, os científicos observaron que estas tres últimas “non só son máis baratas, senón que tamén cumpren as recomendacións nutricionais aconsellables e presentan mellores valores de pegada de carbono”.

MODA?

A investigación realizada no CRETUS partiu dunha pregunta: ¿é a paleo unha dieta sa e sostible, ou é unha moda publicitaria? O certo é que “entre o conxunto de pautas dietéticas, a paleo gañou unha enorme popularidade durante a última década, especialmente entre adultos novos e atletas”, e “semella estar en boca de todos e gañar moitos seguidores que ven neste método un xeito de mellorar a súa forma, afastándose dos alimentos procesados”, recordan os investigadores da USC.

O movemento paleodietético defende que o humanos somos a nivel xenético incompatibles coa alimentación moderna xurdida coa agricultura e a gandaría

Nunha sorte de simulación contemporánea posmoderna e acomodada dos hábitos dos cazadores-recolectores do Paleolítico, os promotores e fans deste patrón nutricional “tentan emular e adaptar o coñecemento sobre a paleodieta aos grupos de alimentos comúns dispoñibles nos países occidentais”, explican os autores do estudo.

A idea clave sobre a que se tenta impoñer a dieta paleo é a coñecida como hipótese da discordancia, a cal defende que o humanos somos a nivel xenético incompatibles coa alimentación moderna xurdida co desenvolvemento da agricultura e a gandaría, obviando os enormes beneficios que estas actividades tiveron para o progreso humano.

CONTRA A DESINFORMACIÓN

Ante o auxe do movemento paleodietético, os científicos cren necesario seguir investigando, xa que aínda non existen grandes ensaios aleatorizados que permitan concluír nada sobre os presuntos beneficios da dieta paleo.

Nesta liña, tamén consideran imprescindible entregar á poboación información fiable, “prestando especial atención ao deseño de campañas sociais, programas educativos e etiquetas de sustentabilidade nos produtos alimenticios”.

“Compartir información sobre propiedades nutricionais e efectos ambientais e sobre a saúde asociados aos patróns alimentarios e dietéticos cos consumidores é unha ferramenta moi importante para reducir as noticias falsas, a ciberpropaganda e a desinformación. Ademais, para obter unha visión global da sustentabilidade destas dietas, débense considerar especificamente os determinantes socioculturais e socioeconómicos para avaliar unha dieta sostible en futuras investigacións”, argúen.

Para isto, consideran que os gobernos poden xogar un papel fundamental na promoción de hábitos alimentarios saudables mediante o “emprego de medios adecuados para informar aos cidadáns sobre as opcións dietéticas, fomentando a transición social e a aceptación de sistemas alimentarios sostibles”.

MÁIS VOCES CRÍTICAS

Christina Warinner, doutora arqueóloga pola Universidade de Harvard e especialista en arqueoxenética e dietas antigas, é unha das voces máis críticas co movemento paleodietético, o cal se sostén en tres mitos para esta experta: o primeiro, que os seres humanos evolucionaron para comer carne e no Paleolítico consumíase en grandes cantidades; o segundo, que no Paleolítico non se consumían cereais ou legumes; e o terceiro, que os alimentos que se propoñen consumir actualmente na denominada paleodieta son os mesmos que consumían os nosos antepasados no Paleolítico.

A ciencia demostrou que o patrón proposto polo movemento paleodietético non ten ningunha relación coa dieta dos humanos que vivirón durante o Paleolítico

Como explica Warinner, o movemento paleodietético defende, sen probas, que as dietas xurdidas da revolución agrícola e gandeira, hai uns 10.000 anos, nos converten en enfermos crónicos (a hipótese da discordancia). Sobre esa hipótese non comprobada (a evidencia demostra que melloraron a vida humana), animan a abandonar as modernas dietas para comer como os cazadores-recolectores paleolíticos, un patrón que, aseguran no movemento paleodietético, é a clave para unha vida máis saudable e lonxeva.

Pero “esta versión da dieta paleo que se promove en libros populares, na televisión, en sitios web de autoaxuda e na abrumadora maioría da prensa non ten base na realidade arqueolóxica”, advirte Warinner.

É dicir, xa non se trata só de que a chamada dieta paleo sexa menos saudable, máis cara e máis prexudicial para o medioambiente, como expoñen os científicos da Universidade de Santiago de Compostela, senón que ademais hai un engano á poboación, pois a ciencia demostrou que o patrón proposto polo movemento paleodietético non ten relación coa dieta dos humanos que vivirón durante o Paleolítico.

Afirmar que os alimentos da paleodieta son os que comían os nosos devanceiros paleolíticos “simplemente non é certo”, sentenza Warinner.

As evidencias sobre este engano son moitas. Por exemplo, un estudo recente de científicos do Instituto de Estudos Evolutivos da Universidade do Witwatersrand, en Xohanesburgo (Suráfrica), atopou que os humanos xa inxerían carbohidratos hai polo menos 170.000 anos. Esta evidencia científica contradí a crenza de que no Paleolítico os humanos non os incluían na súa dieta, como defende este novo movemento.

Outras investigacións previas demostraron que os nosos devanceiros paleolíticos comían tamén grans de amidón hai máis dun millón de anos, como se comprobou no xacemento de Atapuerca (Burgos), ou que os humanos non evolucionaron necesariamente para comer carne, como afirma Warinner.

E institucións tan prestixiosas como a Escola de Saúde Pública TH Chan de Harvard posicionáronse no debate, afirmando que non hai base científica sólida para aconsellar esta dieta.

Os científicos críticos argumentan que este movemento simplifica demasiado a historia, xa que non existe unha dieta paleolítica

Outras voces críticas emerxeron no mundo da ciencia da saúde e do deporte, xa que co obxectivo de gañar adeptos, o movemento paleodietético defende que o seu patrón cobre os requirimentos nutricionais que teñen os deportistas de alto rendemento ou as persoas con grande actividade física. No Instituto de Ciencias de la Salud y la Actividad Física (ISAF) en Valencia desaconsellan a deportistas seguir esta dieta, xa que “compromete seriamente a achega mínima de hidratos de carbono”.

“Malia que presenta beneficios ao aplicala en persoas sedentarias cuns malos hábitos de vida, non podemos correr o risco de utilizala en deportistas. O atleta é un suxeito que tende a presentar un gasto enerxético superior á media. Un plan nutricional que non garante a achega suficiente de hidratos de carbono non só diminuirá o rendemento, senón que incrementará o risco de sufrir lesións”, explican.

“Desde Instituto ISAF, de forma xeneralizada, non recomendamos que ningún deportista siga un plan nutricional cuxa aportación de hidratos de carbono non alcance o 50% das calorías totais da dieta”, explican en relación coa dieta paleo.

Para algúns expertos, o beneficio real da paleodieta radica na eliminación dos alimentos ultraprocesados en xeral (algo que comparte con outras dietas, como a mediterránea ou a atlántica, por exemplo), pero resulta contraproducente pola redución ou eliminación de carbohidratos saudables.

Os científicos críticos argumentan, ademais, que a hipótese que xustifica a dieta paleo simplifica demasiado a historia sobre como os seres humanos se adaptaron aos cambios de alimentación. De feito, pódese afirmar que non existe unha dieta paleolítica, xa que os humanos do leste de África comían alimentos diferentes aos dos habitantes de África Occidental, por exemplo. É algo tan sinxelo como comprender que existían variacións na dieta segundo a xeografía, o clima e a dispoñibilidade de alimentos que, por outra parte, nin eran iguais nin se preparaban e consumían do mesmo xeito que agora, incluída a moderna paleodieta. Polo tanto, pódese afirmar que no Paleolítico houbo tantas dietas como comunidades humanas e que a dieta paleo é un engano na súa propia definición.

A DIETA ATLÁNTICA SI TEN AVAL CIENTÍFICO

Sobre a dieta atlántica propia de Galicia si existen xa bases científicas sólidas para recomendala, tanto polo seu valor nutricional como polo seu menor impacto ambiental.

Por exemplo, un novo estudo publicado en febreiro deste ano concluíu que “a adhesión á dieta atlántica está asociada cun menor risco de morte por todas as causas en adultos maiores en España”. Esta á a conclusión á que chegou un equipo científico logo de estudar unha poboación de 3.165 individuos maiores de 60 anos aos que se lles fixo un seguimento medio de case once anos.

O patrón alimentario actual dos galegos está "lonxe do recomendado, con peor calidade ambiental e nutricional”

En 2019, científicos do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC) compararon o impacto ambiental e nutricional da dieta atlántica tradicional coas tendencias de consumo actuais. O que atoparon foi que “o patrón de consumo real en Galicia está lonxe do recomendado, con peor calidade ambiental e nutricional”, cunha maior pegada de carbono (máis contaminante) e menos saudable.

Entre outros riscos da dieta actual dos galegos, os investigadores da USC advertiron dunha inxesta excesiva de sodio (causa principal de mortes relacionadas cunha dieta inadecuada, con altas doses de sal) que, como se comprobou no estudo publicado polos científicos de Madrid e Porto, no caso da dieta atlántica non se dá.

Os científicos asocian consumir unha maior cantidade de alimentos ultraporcesados cun maior risco de mortalidade. Así o puxo de manifestó, por exemplo, unha investigación liderada desde a Universidade de París XIII (Francia), publicada en 2019 .

O aumento no consumo de carne tamén é espectacular. Se na dieta atlántica é de 91,9 gramos por persoa e día, de media, actualmente estamos inxerindo 217 gramos, segundo os patróns da dieta actual. É dicir, estamos comendo máis do dobre de carne que coa dieta tradicional.

A comunidade científica pide fomentar un cambio nas tendencias actuais na alimentación dos galegos para volver á dieta atlántica

A recomendación da Sociedad Española de Nutrición Comunitaria (SENC) é consumir como máximo 125 gramos por persoa semanais de carne vermella e procesada, e 325 gramos por persoa semanais de carne branca. Os galegos estamos inxerindo actualmente quilo e medio de carne á semana, de media. Varios estudos relacionaron o consumo excesivo de carne vermella e procesada cun maior risco de padecer enfermidades cardíacas, accidentes cerebrovasculares e certos tipos de cancro.

Tamén se disparou o consumo de doces, que na dieta atántica é, de media, 11,7 gramos por persoa e día, mentres que actualmente estamos inxerindo 15,5 gramos.

A inxesta de ovos, lácteos e cereais tamén é lixeiramente maior na dieta actual.

Pola contra, caeu dramaticamente o consumo de froita, que non chega na dieta actual (439 gramos por persoa e día) nin á metade dos valores da atlántica tradicional (1.024 gramos).

Destacan tamén os descensos dos froitos secos –de 33 a 5 gramos– e legumes –de 29,3 a 20,1–, mentres que se sitúan lixeiramente por debaixo dos niveis da dieta tradicional a inxesta de vexetais, mariscos e pescados, e aceites e graxas.

Os datos destes e outros estudos animan ós científicos a pedir un cambio nas tendencias actuais na alimentación dos galegos, abandonando os alimentos procesados ​​e precociñados para volver á saudable dieta atlántica das nosas avoas.

Investigadores das universidades de Santiago de Compostela e Londres avalaron en 2020 as vantaxes da dieta tradicional de Galicia para a saúde humana e a do medio ambiente, e propuxérona como “opción dietética alternativa á mediterránea”.

É por iso polo que pediron ás autoridades competentes o “desenvolvemento de campañas públicas para promover ambos os patróns dietéticos entre os cidadáns españois”.

Porque, como din investigadores da Unidade de Endocrinoloxía e Nutrición do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), a atlántica “debe ser considerada un excelente patrón de dieta e estilo de vida”.

Así pois, as evidencias científicas até agora resolven o dilema: entre a dieta paleo e a atlántica, mellor a tradición que a moda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta