Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/04/2021 | Actualizada ás 19:00
A Deputación da Coruña e a Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados (Agalure) porán en marcha un novo programa piloto de prevención da ludopatía nos centros educativos da provincia.
O programa desenvolverase durante este ano en 18 centros educativos de ESO das distintas comarcas coruñesas e estará centrado especialmente nas apostas deportivas e o xogo en liña, que, segundo os datos da entidade, é o que máis crece entre a mocidade e o principal motivo das consultas que lles chegan nos últimos anos.
Esta iniciativa presentouse coincidindo coa visita que o presidente provincial, Valentín González Formoso, realizou, xunto á deputada de Benestar Social, Ana Lamas, á sede da entidade na cidade herculina para coñecer o seu traballo, que conta desde hai anos co apoio económico do organismo provincial.
"Imos declarar a guerra ao fomento do xogo entre os adolescentes e a atacar de fronte esta secuela", afirmou Valentín González Formoso, que considerou "indignante que aínda a día de hoxe vexamos anuncios en televisión ao dez da noite de ídolos do deporte anunciando casas de apostas".
"A Deputación da Coruña vai marcar como un obxectivo claro e priotario a prevención da adicción e imos esixir ao Ministerio de Consumo e á Xunta de Galicia que actúen para resolver este problema que esnaquiza vidas e familias", sostivo o presidente.
Pola súa banda, o coordinador de Agalure, Gerardo Rodríguez, agradeceu a iniciativa da Deputación para levar a cabo este proxecto piloto entre "unha poboación especialmente vulnerable, como son os menores de idade"."Todo o que podamos investir en prevención e un futuro menor gasto en tratamento", afirmou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.