Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2021 | Actualizada ás 14:07
A Mesa pola Normalización Lingüística valorou positivamente os puntos aprobados polo Congreso dos Deputados da Proposición non de Lei (PNL) que garante o uso das linguas cooficiais, pero indicou que "quedan moitas xanelas por abrir". "Con esta PNL abrimos unha xanela para garantir o uso das linguas propias, pero quedan moitas xanelas por abrir, moito por facer", comentou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, nunha rolda de prensa celebrada este xoves xunto coas outras entidades culturais que impulsaron a proposta.
Reunidas en torno ao manifesto 'Liberdade, igualdade, democracia', Paul Bilbao de Kontseilua (Euskal Herria); María Arenys de Ciemen; Francesc Marco de Plataforma per a Llengua (Cataluña); Alexandra Usó de Escola Valenciana; Toni Gisbert de Acción Cultural do País Valencia (País Valenciá) e Iván Llera de Iniciativa pel Asturianu (Asturias), xunto a Marcos Maceira, analizaron os puntos aprobados polo Congreso.
O presidente da Mesa recalcou que seguen existindo diferenzas entre linguas e, por tanto, entre territorios. "Todos deberiamos ter os mesmos dereitos. Temos que poder usar a nosa lingua sempre e en calquera lugar", sinalou o representante da asociación galega. Maceira subliñou a importancia do punto 8 da proposición, no que se fai referencia ao "respecto real e á actuación comprometida nos dereitos e deberes por parte dos poderes do Estado", un compromiso que "o Estado debe asumir, tal e como lle reiterou en diversas ocasións a Comisión Europea mediante a Carta Europea de linguas minorizadas ou a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos".
O responsable da asociación galega explicou que a diferenciación entre dereito de uso e deber de coñecemento "só ampara actualmente ao español", un feito que espera que cambie coa nova proposta. "A proposición abre unha porta importante, polo menos, ao coñecemento e á igualdade entre dereitos e deberes lingüísticos", apuntou Marcos Maceira.
PASOS FIRMES TRAS A PNL
"Ademais de ofrecer unha valoración, o noso obxectivo é deixar claro que seguiremos traballando para dar un xiro á política lingüística do Estado. Non é xusto que haxa cidadáns considerados de segunda porque non se recoñezan os seus dereitos lingüísticos; a cuestión da lingua é unha cuestión de democracia", afirmou o representante de Kontseilua.
As diferentes entidades, segundo informaron, conviñeron que cada unha "active as súas propias dinámicas" que permitan implementar nos distintos territorios os puntos aprobados da PNL e confirmaron que interpelarán ao Goberno español para que cumpra o prometido. "É hora de dar pasos firmes, seguiremos presionando ao Goberno, polo que pediremos unha reunión co Ministro de Política Territorial, Miquel Iceta, entre cuxas competencias está a Oficina de Linguas Oficiais", indicaron as asociacións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.