Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2021 | Actualizada ás 22:20
Nun mundo onde o ritmo vén marcado, cada vez máis, polas RRSS, resulta difícil discutir que estas contan cunha influencia determinante á hora de medir o impacto dunha marca, unha plataforma ou mesmo unha persoas. As redes, de feito, poden ser consideradas un termómetro de popularidade; e así o ven moitas personalidades que invirten tempo e cartos en coidar os seus perfís públicos para amasar unha visibilidade que, co tempo, pode derivar en beneficios económicos.
Non debe chegar como sorpresa, pois, que á cabeza das redes sociais se atopen os deportistas de elite; e, en particular, os futbolistas. A axencia de medios WeTALK vén de dar un paso para coñecer este fenómeno cun estenso estudo --dispoñible en aberto na súa web-- no que analizan o nivel de popularidade dos profesionais galegos do deporte e cales lideran esta particular táboa.
O Informe weTALK: RRSS en el deporte gallego 2020 remata cun claro vencedor, que amasa os maiores números de toda a conta tanto en Twitter como en Instagram: o galego Lucas Vázquez, actualmente no cadro do Real Madrid. En Twitter ségueo Denís Suárez --centrocampista pontevedrés que xoga para o Celta-- e, en terceiro lugar, o propio club de Balaídos. Un posto por detrás está o Dépor, e despois Iago Aspas. O primeiro deportista á marxe do fútbol atopámolo inmediatamente despois, no chanzo 6: Javier Gómez Noya.
A conta non é moi distinta no caso de Instagram. Dominan, unha vez máis, Lucas Vázquez e Denís Suárez; pero neste caso o bronce é para o coruñés Jorge Prado, piloto de motocross. A listaxe complétana o Celta e, uns postos por detrás, o Deportivo da Coruña; que en Instagram se ve superado por Iago Aspas, Angeliño, Borja Iglesias ou Santi Mina.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.