Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/04/2021 | Actualizada ás 21:30
O movemento ecoloxista galego continúa sumando forzas contra as últimas campañas auspiciadas pola Xunta de Galicia e o Goberno central, entre elas a polémica implantación de eólicos en puntos tan característicos da comunidade galega como a montaña máis alta do territorio --Pena Trevinca--, ou os Penedos de Traba e Pasarela, unha das dúas únicas paisaxes protexidas de Galicia.
Precisamente, a protección dos nomeados penedos --aos que cantaba o bardo Eduardo Pondal-- forman parte das reivindicacións dunha das últimas estruturas que o ecoloxismo galego vén de constituír para frear estes proxectos: a Coordinadora Bergantiñá pola Defensa da Terra. A plataforma, que recolle á súa vez unha decena de colectivos, nace para “dar unha resposta por parte da sociedade civil a certos macroproxectos que afectan gravemente a vida social e económica dos veciños, así como ao medio onde viven”.
O obxectivo desta nova estrutura, pois, pasaría por identificar, estudar e avaliar aqueles proxectos eólicos dispostos para a zona de Bergantiños e, se é preciso, arrincar mobilizacións contra eles. A de Bergantiños está a ser unha das comarcas máis castigadas pola febre eólica de Xunta e Goberno, unha afectación na que converxen a súa orografía --propicia para este tipo de explotacións-- e a beleza de moitas das súas paraxes.
"DANOS IRREVERSIBLES"
“Estes parques eólicos proxectados por toda a comarca, afectarán gravemente ao territorio, provocando danos irreversibles, creando grandes impactos tanto paisaxísticos como sociais na veciñanza bergantiñá”, explican dende a plataforma na súa nota fundacional. O obxectivo, pois, pasará por facer fronte á “’pandemia eólica’” esixindo un cambio nas políticas enerxéticas, “que se seguen polo mesmo camiño, causarán profundos impactos sociais e ambientais”.
A Coordinadora Bergantiñá pola Defensa da Terra nace constituída pola Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, a Plataforma Monte Neme, Contramínate, a Asociación Ambiental Petón do Lobo, a Asociación Ambiental Senda Nova, a Plataforma Non Eólicos Bustelo-Campelo–Monte Toural, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Monte Neme de Oza e, por último, o Colectivo Veciñal Xente do Rural de Corme.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.