O Parlamento pide solucións para arranxo e implementación de infraestruturas e seguimento de parcelarias

A Cámara galega pide solucionar os problemas derivados da parcelaria en Cartelle e abordar as necesidades de infraestruturas ferroviarias como o FEVE e o tren a San Cibrao das Viñas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/04/2021 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia aprobou, por unanimidade, instar á Xunta a solucionar de modo urxente a "problemática" que sofren os veciños de Cartelle, que a pesar de finalizar a concentración parcelaria entre 2006 e 2007, non dispón dos títulos de propiedade.

Esta proposta do PSdeG saíu adiante este xoves na Comisión de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes con apoio das outras dúas formacións con representación parlamentaria na Cámara galega, o PPdeG e o BNG.

Noutra orde de cousas, nesta comisión, os populares rexeitaron unha iniciativa presentada polo BNG, que contou con apoio do PSdeG. Así, os nacionalistas buscaban que o Goberno galego elaborase un estudo en profundidade sobre a situación de desigualdade da muller nos ámbitos laboral e económico e o acceso a servizos público.

A iniciativa sinalaba que o informe debería representar o punto de partida para a elaboración dun Plan de igualdade específico para o medio rural con accións formativas, unha dotación de servizos para favorecer a conciliación, campañas a favor da corresponsabilidade e a facilitación do acceso das mulleres a órganos de toma de decisións.

Parlamento de Galicia.
Parlamento de Galicia. | Fonte: Parlamento.

LIÑA FEVE

O Parlamento galego pediu por unanimidade continuar coas melloras iniciadas no ferrocarril Feve que conecta Ferrol e Xixón, así como estudar "posibles novas estacións e apeadeiros". A iniciativa, que saíu adiante na comisión de servizos da Cámara autonómica, partiu do PSOE e contou co apoio do tres grupos tras engadir unha emenda do PP.

Así, o Pazo do Hórreo insta á Xunta a dirixirse ao Goberno central para que siga con estas "melloras" e, en concreto, reclama actuacións en ámbitos como a limpeza, roza e mellora da liña, mantemento e mellora das estacións, estudo de posibles novas estacións e apeadeiros en función da demanda e mellora progresiva do material rodado.

Tamén expón a proposta a revisión das frecuencias actuais conforme á recuperación da demanda e o establecemento de procedementos "claros" de actuación no caso de que se produza calquera tipo de incidencia.

SAN CIBRAO DAS VIÑAS

O Parlamento de Galicia pediu por unanimidade que a Xunta demande do Goberno central o inicio da redacción do proxecto dunha nova estación ferroviaria de mercadorías no polígono industrial de San Cibrao das Viñas, en Ourense.

En concreto, e por mor dunha iniciativa do PP, a Cámara autonómica reclama dirixirse ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, para que inicie a redacción do devandito proxecto. Esta nova estación ferroviaria de mercadorías no polígono industrial de San Cibrao das Viñas debería, segundo o texto, liberar espazo da estación de Ourense-Empalme e contribuír a "facer cidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta